Redacción •  Galicia •  16/10/2021

BNG e CIG impulsan emendas para evitar novos recortes nas pensións

  • Néstor Rego propón recuperar a xubilación aos 65 anos, posibilitar a anticipada sen penalización e eliminar o mecanismo de equidade interxeracional.
  • Paulo Carril urxe derrogar as Reformas Laborais e a das Pensións para “avanzar na recuperación de dereitos”.
BNG e CIG impulsan emendas para evitar novos recortes nas pensións

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza as propostas que rexistrará na cámara baixa en forma de emendas para o Proxecto de Lei da Reforma das Pensións co obxectivo de reverter o continuo retallo nas pensións. Após manter unha reunión co Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, e o membro da executiva federal, Paco Sío, Rego estabelece seis elementos como prioritarios na Reforma das Pensións para eliminar a ameaza que supón a proposta do executivo estatal e avanzar nun sistema de pensións xusto e de futuro.

A reunión entre o deputado do BNG no Congreso e representantes da CIG estabelece seis elementos principais de actuación para “reverter as intencións do executivo estatal en materia de pensións”. Ambas organizacións coinciden na idea de que o Goberno do Estado está a manter unha reforma “lesiva para os intereses da clase traballadora do noso País”.

“Esta Reforma presenta novas ameazas como a implantación do mecanismo de equidade interxeracional que substituiría o factor de sustentabilidade imposto polo PP. O mesmo acontece coa idea de manter a idade de xubilación nos 67 anos e do mesmo xeito, afectaría gravemente ao mercado laboral o incentivo que pretenden instituír para que a xente alongue máis dos 67 anos a súa xubilación” explica o deputado do BNG.

Por este motivo, Rego anuncia a presentación de emendas parciais ao texto lexislativo estabelecendo seis eixos principais. O primeiro deles é “recuperar a idade de xubilación aos 65 anos que favorecería a incorporación de mocidade ao mercado laboral, tendo en conta que existe 40% de paro xuvenil”. Así mesmo, a formación nacionalista urxe eliminar o incentivo para que a xente se manteña traballando máis alá da idade legal de xubilación “e se recupere a xubilación anticipada, sen penalización, a partir dos 35 anos cotizados”.

“Unha das medidas estabelecidas polo Goberno sobre o cómputo das pensións suporía un novo recorte na súa contía. Queremos que o período de cómputo baixe e sexa de dez anos e mesmo que sexa o propio traballador e traballadora quen escolla eses anos” subliña Néstor Rego. Neste sentido, o BNG tamén aposta por recuperar a xubilación parcial “que se pode producir entre 60 e 65 anos” posto que sería unha medida que tamén contribuiría a reducir o paro xuvenil e a incorporación de mocidade no mercado laboral. Así mesmo, Rego fai fincapé na necesidade de eliminar toda referencia ao mecanismo de equidade interxeracional

Por último, o deputado do BNG reclama aumentar as pensións mínimas “até equiparalas a 60% do Salario Medio” que favorecería superar as fendas existentes: a de xénero e a territorial. “Galiza ten as segundas pensións máis baixas e Ourense posúe as pensións máis baixas de todo o Estado” subliña Rego mentres asume que a revalorización das pensións co IPC “non é suficiente”.

Derrogación das reformas das pensións e da reforma laboral

Pola súa banda, Carril manifestou a preocupación da CIG porque se faga esta reforma a través do diálogo social “anulando unha vez máis os órganos institucionais lexítima e legalmente constituídos” e como vía para impedir a participación de todos os axentes que teñen dereito a estar. Considera que “se dá as costas a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas” e denunciou que “está a servir para xustificar os incumprimentos programáticos da coalición de goberno”.

Con todo, para o secretario xeral da CIG “non é posible abordar unha reforma das pensións para crear un sistema público que garanta as pensións mínimas se non se derroga a reforma laboral” porque é fundamental a vía das persoas traballadoras cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións. E pediu que cesen de utilizar as reducións das cotizacións sociais.

Neste sentido lembra que na Galiza morren máis persoas traballadoras que na media do Estado por accidente laboral. Cuestión que alén da falta de medidas de seguridade relacionou con esas longas carreiras de cotización e con idades que non son axeitadas para determinadas profesións.

O secretario xeral da CIG concluíu avogando porque os avances tecnolóxicos sirvan para mellorar as condicións de vida das persoas e rexeitando que o incremento de esperanza de vida sexa penalizado. “Non se nos pode castigar a que cantos máis anos vivamos estamos condenados a vivir peor”.


empleo /  pensiones /