Redacción •  Galicia •  10/11/2021

Néstor Rego urxe Pedro Sánchez a cumprir coa Galiza e as clases populares

  • BNG reclama unha nova regulación do sistema eléctrico, colocándoo baixo control público, mudar o modelo de produción e frear o espolio eólico o noso País.
  • O deputado nacionalista urxe a derrogar a Reforma Laboral, cumprir o Acordo de Investidura, impulsar unha transición realmente xusta e aumentar o investimento para Galiza nos Orzamentos do Estado para 2022.
  • Rego defende a necesidade de rescatar a AP-9 após seren declaradas ilegais pola UE as prórrogas da concesión, e “a modernización da rede ferroviaria e a ampliación dos servizos de transporte público eficiente e sustentábel”.
Néstor Rego urxe Pedro Sánchez a cumprir coa Galiza e as clases populares

O deputado do BNG, Néstor Rego, interviu na comparecencia do Presidente do Goberno no Congreso para defender a necesidade de mudar o modelo actual de produción enerxética que está promovendo o executivo estatal e unha nova regulación do sector eléctrico que debe ser colocado baixo control público para que responda ao interese social. Rego alerta das condicións non explicitadas dos fondos europeos que poden derivar nunha nova onda de recortes en cuestións como as pensións, dereitos laborais ou portaxes nas autovías e reclama ao Presidente que cumpra os acordos  e invista máis na Galiza.

Durante a comparecencia, o deputado do BNG centrou a súa intervención no aumento dos prezos da enerxía eléctrica, preocupación central durante os últimos meses para o conxunto da cidadanía. “As medidas adoptadas polo Goberno, tal e como o BNG advertía, non están a servir para atallar o problema da escala de prezos. Asistimos a unha actuación insólita por parte dun goberno que se di progresista mais cede escandalosamente á presión do oligopolio eléctrico” recrimina Rego, que salienta que en só mes e medio, rectifican co Real Decreto Lei 23/2021 o previsto no RDL 17/2021.

“A solución ao problema pasa por unha nova regulación do sector eléctrico que, no canto de favorecer o interese das grandes empresas responda ao interese social e que poña baixo control público un sector esencial e estratéxico” afirma o deputado nacionalista. Aliás, o BNG defende modificar radicalmente o modelo de produción enerxética promovido polo executivo “absolutamente insustentábel, por moito que se trate de apoiar enerxías renovábeis como a eólica”.

Na práctica, polo menos na Galiza, con máis de 200 proxectos de parques e macroparques eólicos, estamos “diante dunha verdadeira ofensiva de espolio enerxético ao noso País para maior lucro dunhas poucas grandes empresas, un modelo que está a levantar unha forte oposición popular baixo o lema de Eólica si,  mais  non así”.

O deputado nacionalista instou o Goberno a acelerar o financiamento da transición enerxética. “Pode facelo, por exemplo, nestes orzamentos do Estado, incrementando os recursos -especialmente na Galiza, onde acumulamos un déficit histórico  importantísimo- para a modernización da rede ferroviaria e a ampliación dos servizos de transporte público eficiente e sostíbel”.

Rego acrecenta que, entre tanto,  o executivo español debería absterse de aplicar medidas “que pretende pasar por ecolóxicas e que realmente son fondamente antisociais e, no noso caso, antigalegas, como a aplicación de portaxes nas autovías”. O deputado do BNG salienta que, sen alternativas de transporte público, de ningún modo vai desincentivar o uso do vehículo privado, pola contra, “representa un modelo de transición excluínte para as maiorías sociais e, no caso da Galiza, un lastre para o noso desenvolvemento social e económico que se viría a sumar ao que xa implica o pagamento da AP-9”.

Nese sentido, Rego urxe o rescate da autoestrada do Atlántico tras o informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas da AP-9. “O que corresponde é proceder ao seu rescate en función do interese social e público” sinala o deputado.

Néstor Rego manifestou tamén a preocupación polas condicións aínda non explicitadas da Unión Europea para liberar os fondos de recuperación. “Vémolas, sen dúbida, tras unha proposta de reforma do sistema de pensións que consolida os recortes do período anterior e que engade outros novos e podemos sospeitalas no incumprimento dun compromiso fundamental como derrogar a reforma laboral” alerta.

Para finalizar, o deputado nacionalista reclama ao Presidente cumprir co Acordo de Investidura asinado co BNG e aumentar o investimento no noso País. “Cumpran coa Galiza nos Orzamentos do Estado, impulsen unha transición realmente xusta e derroguen total e definitivamente a reforma laboral” conclúe Rego.


BNG /