Oposición dos deportistas á LAT de Iberdrola que inhabilitaría o Larouco para a práctica do parapente
- A instalación de liñas eléctricas na zona de voo da Serra do Larouco é incompatible co voo libre, comprometería a vida dos pilotos e inhabilitaríaa como zona de aprendizaxe e competición”, advirten nas súas alegacións os veciños de Baltar.
O Club Parapente Baltar, as federacións galega, estatal e portuguesa e deportistas desta modalidade de Galiza, España e Portugal alertan sobre os efectos da construción de novos polígonos eólicos na serra arraiana do Larouco, ao carón do Xurés, e da imposibilidade de continuar coa práctica do parapente se se instalasen as liñas de alta tensión proxectadas, en particular, a LAT coa que Iberdrola pretende conectar a futura central eólica de San Martiño (Baltar) coa subestación da central do Larouco en Xinzo.
O Club anunciou onte que conta co apoio das federacións galega, estatal e portuguesa e deportistas e clubs dun e doutro lado da raia, como o Club Papaventos Montalegre, para as alegacións que presentará esta semana contra a LAT do Larouco, en exposición pública até o día 13 de xaneiro.
“O voo libre é incompatible, en materia de seguridade, coa proximidade de liñas eléctricas, pois o posible contacto coas devanditos liñas tería consecuencias mortais para o piloto”, advirten desde o Club Parapente Baltar nas súas alegacións, elaboradas coa colaboración da asociación ecoloxista Petón do Lobo. “Na práctica destes deportes, os voos ocupan un gran espazo aéreo máis alá da area de despegue na busca e aproveitamento de correntes percórrese a montaña a baixa altura sendo esta a parte con mais risco para o piloto”.
Desde Baltar, estes veciños lamentan a incongruencia do goberno local, que nos últimos anos viña apostando de maneira decidida pola promoción da práctica do parapente como atractivo turístico, mesmo con investimentos nas pistas de acceso á zona de despegue, e que agora garde silencio diante da ameaza eólica.
Os deportistas lembran que o Larouco é unha área privilexiada para a práctica do parapente polas condicións do vento e a orografía. Estas características converteron o Larouco no lugar de referencia na Península e durante os últimos anos converteuse no escenario de eventos de máximo nivel internacional: Copa do Mundo (2000 e 2012), Campionato do Mundo (2003), British Open (2005), Copa Ibérica (2005, 2006, 2007, 2009 e 2013), Campionato de Europa (2018).
Nas súas alegacións ao proxecto da LAT do Larouco -once quilómetros de tendido aéreo con 43 apoios en cotas desde 1.115 metros de altitude a 939 metros que decorre, de oeste a este, en paralelo a liña da fronteira pola vertente norte do Larouco- os veciños de Baltar e de Montalegre, na parte portuguesa, reclaman a “retirada definitiva do proxecto pola súa incompatibilidade cos valores ambientais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licencia social”.
Apoio de Stop Eólicos Xurés Celanova
O pasado 7 de decembro, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA, rexistrou no Concello de Baltar 43 escritos de alegacións ao proxecto de Iberdrola de construír a central eólica denominada PE San Martiño, con máquinas de 180 metros moi próximas a aldeas galegas e portuguesas e cuns impactos enormes sobre o medio, a paisaxe e o patrimonio desa área.
STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA tamén dirixiu un escrito ao Defensor del Pueblo, Ángel Gabilondo, alertando do descoñecemento que a veciñanza portuguesa tiña a respecto do proxecto de central eólica e da obriga do Estado español de informar ao Estado portugués, segundo contemplan os tratados internacionais. O Defensor contestou que non pode actuar até que a Administración incumpra os seus deberes, polo que STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA reiterará periodicamente esta mesma queixa.
Agora, ademais das alegación globais que elaborou Petón do Lobo, a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA compartirá e difundirá estas alegacións do colectivo de deportistas do parapente, que estarán nos próximos días a disposición da veciñanza nas nosas redes e na mesa informativa que se habilitará o próximo xoves, día 6 de xaneiro, na Praza Maior de Celanova.