Presente os 10 motivos polos que non debe construírse o proxecto eólico entre Celanova e Verea
A plataforma pon a disposición da veciñanza un modelo de alegacións elaborado con achegas propias e a colaboración de Petón do Lobo e Adega.
As alegacións poden descargarse na web e rexistrarse telematicamente ou nun rexistro da calquera administración até pasado mañá martes.
Nin a Consellería de Economía nin a Secretaría de Política Lingüística responderon aínda, a 48 horas de que remate o prazo de alegacións sobre a indefensión e vulneración de dereitos que provoca que partes do proxecto empresarial fosen redactadas en inglés.
A 48 horas de rematar o prazo (este próximo martes, día hábil aínda para o rexistro) de alegacións aos documentos a exposición pública do proxecto empresarial de capital alemá para construír unha central eólica nos lugares primitivos da fundación de Celanova sen catalogar e moi próxima a aldeas de Verea baixo a ameaza de abandono de se instalar máquinas aeroxeradoras de 180 metros de altura, máis do dobre das actuais do Vieiro, nin a Consellería de Economía nin a Secretaria de Política Lingüística de Xunta de Galiza responderon aínda a denuncia de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA de que se están a vulnerar dereitos fundamentais e a impedir o proceso de participación pública dado que a empresa presentou parte da documentación en LINGUA NON OFICIAL NA GALIZA e non se corrixiu esta circunstancia.
A plataforma presenta este domingo o seu modelo de alegacións extenso, que se pode descargar directamente da na web xurescelanova.fala.gal, para o seu rexistro telematico ou presencial.
Este documento de oposición ao proxecto da enerxética alemá Bay Wa, foi elaborado en base ás alegacións achegadas por Petón do Lobo e por Adega, e con participación de membros da plataforma con cualificación para contestar certas partes da amplisima documentación (máis de 3.300 folios) que saíu a exposición pública o pasado 10 de decembro, na véspera das festas de Nadal, e cun prazo de 30 días naturais, segundo as leis aprobadas polo goberno Feijoo para tramitar aceleradamente proxectos dun alto impacto medioambiental e social.
Malia iso, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA fomos quen de levar información ás cabeceiras das nosas comarcas e a Ourense por medio de accións presenciais en tempos de covid, e de participar e mesmo co-organizar mobilizacións como a de Laza o 11 de decembro, e conseguimos trasladar á veciñanza moita informacións sobre os riscos que representa o proxecto alemá, e que nin os concellos de Celanova e Verea, nin ningunha outra administración pública nin os grandes medios de comunicación tiveron interese ningún en difundir.
Aquí están resumidos os 10 motivos para que a veciñanza toda de Celanova e Verea (porque somos todas afectadas directas) se opoña agora e se siga opoñendo nos próximos meses ao plan de Bay Wa de empezar as obras en xullo do ano —as obras dunha central eólica que no Estado Libre de Baviera (Alemaña) onde ten a sede esta empresa NON SE PODERÍA CONSTRUÍR… quizás por iso eles son “un estado libre” e a nós quérennos tratar como a súa colonia.
MOTIVO 1
Estase a producir unha fragmentación artificiosa que ten por finalidade menoscabar as garantías inherentes aos procedementos de avaliación, pola vía de impedir a avaliación ambiental de conxunto dos proxectos.
No que atinxe á proxectada central eólica P.E. Monte da Neve, só se somete a exposición pública a central e parte da súa liña de evacuación. Non se somete a avaliación ambiental conxunta o polígono e a totalidade das súas infraestruturas de evacuación.
O EIA só ten en conta a liña entre a subestación colectora 220/30 kV P.E. Monte da Neve, e o enlace a un dos apoios da liña de alta tensión LAT 220 kV SET Fonsanta (BANDE)/SET Frieira. Mais o proxecto de execución fai mención a unha liña de evacuación que comenzará nas centrais Lamas de Feás e Lamas II, unindo as catro centrais, e implantando unha infraestrutura para novos desenvolvementos eólicos a oeste e a leste dese tendido de máis de corenta quilómetros. A avaliación dos impactos ambientais é fraudulenta porque agocha a totalidade do proxecto. Estase a vulnerar a Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico. Tamén se está a vulnerar normativa internacional do alcance do Convenio de Aarhus.
MOTIVO 2
A falta de avaliación ambiental estratéxica da planificación eólica en Galiza.
Entendemos que a falta de sometemento a unha avaliación ambiental estratéxica de todo o conxunto do desenvolvemento eólico galego, senón tamén os que se derivan das normas do dereito da Unión Europea: directivas 2011/92/UE, 2003/35/CE, 2001/42/CE. Esta escandalosa falta de avaliación ambiental estratéxica da planificación eólica en Galiza, pola súa parte, deriva “nunha incidencia negativa no funcionamento do sistema” e en “inseguridade xurídica”. E o propio Consello da Cultura Galega fundamenta a súa petición de moratoria na necesidade de revisar o plan.
MOTIVO 3
O carácter estritamente mercantil e a conseguinte ausencia de utilidade pública do proxecto.
O proxecto P.E. Monte da Neve fai parte dun plan industrial de grandes dimensións, orientado unicamente ao reforzo do sistema oligopolístico de xeración de enerxía. O proxecto non se basea nunha planificación orientada ao aumento da eficiencia enerxética e ao aforro no seu consumo, nin tampouco ao fomento do autoconsumo e produción en proximidade.
Non cabe, xa que logo, considerar que o proxecto é unha contribución positiva para a loita contra o cambio climático. Non só non se xustifica a necesidade social da instalación do P.E. Monte da Neve, ademais está a difundirse un discurso sobre a enerxía «verde» cheo de afirmacións falsas. A enerxía do vento non é infinita, malia que iso sostén a empresa promotora. Os impactos socioeconómicos —como subliña o recente informe do Consello da Cultura Galega— deben medirse a través de diferentes parámetros, e as transferencias monetarias son apenas un deles. E ademais é falso que un polígono eólico cree postos de traballo estábeis.
MOTIVO 4
O engano a través da complexidade técnico-xurídica dos documentos, e a vulneración dos dereitos de participación no procedemento.
A cidadanía galega estase a topar coas dificultades inherentes a poder evacuar unas alegacións robustas fronte a un proxecto tecnicamente moi complexo e voluminoso nun prazo de tempo curto. O proceso de implantación destas enerxías limpas, xa que logo, semella consistir nunha dinámica na cal quen pretende implantar o proxecto dispón dunha lexislación feita á súa medida, ademais de plenitude de medios técnicos e económicos, e fronte esa parte, a contraparte nin dispón de medios económicos, nin dispón de coñecementos, nin dispón de normativa que ampare a súa posición.
Por riba, no caso concreto do P.E.Monte da Neve, hai indefensión polo uso dun idioma non oficial na Galiza. A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA, a través da ‘Liña do galego’, formalizou unha queixa o día 14 de decembro de 2021 diante da Valedora do Pobo polo uso dunha lingua NON oficial nun documento a exposición pública. Tamén deu curso da mesma queixa á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. A plataforma tamén se dirixiu a mesma consellería o día 27 de decembro de 2021, sen ter recibido resposta na data na que se asina o presente documento de alegación.
MOTIVO 5
Afección severa e prexuízos irreparábeis para a paisaxe.
No proxecto di: “los aerogeneradores y apoyos de la LAT no supondrán una alteración significativa en un paisaje en el que estos elementos ya forman parte del mismo desde hace años y que simbolizan un cambio social en la generación de la energía”. DEGRADAR a paisaxe aludindo a unha degradación anterior NON é aceptábel.
Incidir na degradación é rebaixar un dereito a un grupo de cidadáns: é incidir na súa discriminación como colectivo e como individuos. É inadmisíbel que se pretenda colocar este parque eólico a tan só 4 quilómetros de distancia e á vista do núcleo de poboación máis importante da Terra de Celanova, lugar onde se concentra case un terzo da poboación de toda a comarca. A promotora indica que «la población global situada dentro de la cuenca visual del parque eólico es reducida» (uns 30.808 habitantes). O que para a empresa é unha poboación reducida, en termos provinciais supón o 10%.
MOTIVO 6
Afeccións severas ao patrimonio cultural e eivas na catalogación e na protección.
A mobilización veciñal en defensa da Casa da Neve e os lugares primitivos vinculados á fundación do Mosteiro de Celanova foi determinante para que a empresa se vise obrigada a variar en apenas un ano a localización dos aeroxeradores.
Os estudos parciais realizados para aquel primeiro proxecto e para este poñen de relevo a riqueza arqueolóxica da área ameazada pola instalación da central eólica é da posibilidade de que esta área conserve un tesouro arqueolóxico que inclúe elementos sen protección ou sen catalogación desde a época megalítica até a Idade Media. Agora, para o xacemento catalogado como Monte Oural, con obras proxectadas a 110 metros del, o estudo da propia empresa advirte que “se debería establecer la máxima cautela sobre este yacimiento, proponiendo un control arqueológico de todos los desbroces y movimientos de tierra que se realicen dentro de dicha delimitación extensa”. E engade: “la naturaleza de este yacimiento parece ser mucho más compleja y su delimitación actual podría ser demasiado constreñida”.
Segundo a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galiza non están permitidas obras nin remocións de terras nas áreas de protección dos xacementos arqueolóxicos.
MOTIVO 7
Afeccións severas á vexetación, aos hábitats naturais e á flora, e a necesidade de protexelas. O estudo sobre as augas é incompleto.
Á vista do inventario de flora realizado polas persoas encargadas deste estudo parece que en efecto as especies que se atopan neste territorio non gozan de ningunha protección especial, como tais taxons considerados separadamente. Porén, esta ausencia de protección normativa canto ás especies de flora presentes no territorio e consideradas individualmente contrasta coa protección e cautela que a lexislación ambiental e en particular a Directiva Hábitats 92/43/CEE establece para as formacións vexetais ou asociacións fitosociolóxicas consideradas por esta norma como hábitats naturais de interese comunitario.
Estamos a falar, particular e especialmente, de dous hábitats catalogados pola Directiva europea como: 4030 “breixeiras secas europeas” e sobre todo o 4020 “breixeiras húmidas atlánticas”, consideradas estas últimas pola Unión Europea como de interese prioritario para a conservación, pola súa rareza e excepcionalidade ao emprazarse sobre solos húmidos e mesmo higroturbosos.
A importancia desta zona húmida que, como podemos comprobar no documento se cita sucintamente e de pasada, foi obviada e minimizada intencionadamente para non ter que recoñecer que o impacto da obra sobre os hábitats naturais presentes si é significativo. Estamos a falar da presenza neste territorio e particularmente en toda a área que espalla entre os aeroxeradores nº 3 e 6, pasando polos nº 4 e 5, dunha lagoa temporal ou estacional en área de montaña, un hábitat natural que segundo a Directiva Hábitats 92/43/CEE pensamos que se trata do hábitat clasificado como 3160, coa denominación de “Lagos e charcas distróficos naturais”.
MOTIVO 8
Impactos sobre a avifauna.
No anexo nº. 2 do EIA descríbense os impactos do proxecto sobre a avifauna. En primeiro lugar, queremos subliñar que o documento sinala a necesidade de realización de estudos de seguimento de avifauna e quirópteros «por al menos 1 año», e en cambio no Estudio unicamente se analizan datos con base en visitas á zona de 4 meses.
En segundo lugar, indícase presenza con base na bibliografía na contorna da zona de estudo de 12 especies de aves rapaces diúrnas e 4 especies de aves rapaces nocturnas, mentres que os resultados dos censos/transectos realizados mostran só resultados de 4 e 2 especies respectivamente. Dado que segundo o indicado previamente, non se realizaron mostraxes durante todo un ano, os resultados e conclusións indicadas son cando menos parciais e non poden considerarse válidas.
En terceiro lugar, anotaremos que se detectou a presenza de 2 especies de aves rapaces diúrnas cunha figura de protección de Vulnerábel segundo o Catalogo Galego de Aves Ameazadas, son a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus). A primeira delas, Circus pygargus, con categoría de Vulnerábel no Catálogo Español de Aves Ameazadas e presente no Anexo I da Directiva de Aves, presenta numerosas observacións nos censos realizados, con indicación de probábel nidificación na área de estudo de 2 parellas. Esta especie está a sufrir un descenso poboacional importante.
Merece especial atención o feito de que aínda estando esta especie no Catalogo Galego de Especies Ameazadas desde hai máis de 10 anos, non se estableceu, segundo indica a lexislación, un Plan de Conservación da especie. A respecto das conclusións do documento (Punto 7), cómpre subliñar que o informe que achega a promotora do P.E. Monte da Neve di que faltan estudos e visitas por realizar á área do proxecto. Cómpre aplicar, polo tanto, tamén nesta cuestión, o principio de precaución.
Adicionalmente, a área onde se pretende situar este parque eólico está considerada unha Area Prioritaria para a avifauna ameazada e Zona de protección da avifauna contra as liñas eléctricas de alta tensión, sendo as dúas especies citadas do xénero Circus, especies indicadoras deste grao de protección.
MOTIVO 9
Impacto do ruído ambiental causado por aeroxeradores nos procesos cognitivos.
O proxecto coloca os aeroxeradores MOITO MÁIS PRETO das aldeas que o documento de inicio de febreiro pasado. Estas son as distancias que figuran no plan da empresa:
Á Cigarrosa, 603 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA
A Cardeo, 640 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA
A Albos, 743 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA
A Gontán, 850 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA
Na Memoria do EIA, a promotora recoñece niveis de ruído nun rango de 40 a 46 dB en Fontechide (a 1.093 metros, ademais esta aldea ten aeroxeradores do P.E. do Vieiro a menos de medio quilómetro), Laioso, Gontán, Casal de Bispo, A Cigarrosa, Albos e Cardeo durante a fase de obra, e dun rango entre 35 e 40 dB na fase de explotación na Cigarrosa, Albos, Cardeo e Fontechide. O estudo sobre os impactos do ruído na saúde das persoas que vivan na contorna da central eólica apenas ocupa 16 páxinas, non se basea en medicións directas nin ten en consideración sinerxías coa outra instalación eólica que afecta á area (P.E. O Vieiro), nin fai referencia ningunha aos infrasóns.
O ruído ambiental, ben sexa pola presenza de aeroxeradores na contorna, como de outros posíbeis estímulos externos, produce irremediabelmente unha fatigabilidade atentiva; comporta, pois, un detrimento nas capacidades de procesamento dos suxeitos para alcanzar un nivel de concentración óptimo.
É necesario afondar no coñecemento de como unha das novas enerxías renovábeis, como é a enerxía eólica, pode coexistir coa poboación sen causar alteracións e/ou trastornos na saúde das persoas; quizais a chave estea na distancia…
MOTIVO 10
Freo á consolidación e futura ampliación dos espazos protexidos. Dinámicas de deterioro do territorio e perda de poboación.
A Unión Europea solicita dilixencia ao Estado español para a ampliación da Rede Natura 2000 en función da Estratexia de Biodiversidade 2020-2030. A promotora presenta un proxecto nunha área lindeira coa Rede Natura. É un proxecto, ademais, que fai parte dun complexo eólico maior (atendendo ao deseño da liña de evacuación entre as centrais de Lamas e a do Monte da Neve) que mesmo invade a Rede Natura. É evidente que analizado o conxunto tal e como hoxe se presenta, o proxecto é un freo á ampliación da Rede Natura nestas comarcas arraianas.
STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA pide á Consellería de Economía que tramita este expediente de instalación dunha central eólica na contorna da Casa da Neve que rexeite o proxecto.