Redacción •  Galicia •  04/02/2022

CCOO e CIG esixen a intervención do Sergas polos «graves incumprimentos» nun contrato millonario outorgado pola Xunta e convocan folga

As centrais sindicais esixen a intervención do Servizo Galego de Saúde ante os «graves incumprimentos» de Esteve Teijin, empresa que se fixo cun orzamento de case corenta millóns de euros para realizar anualmente 25 000 tratamentos respiratorios a domicilio.

CCOO e CIG esixen a intervención do Sergas polos «graves incumprimentos» nun contrato millonario outorgado pola Xunta e convocan folga

Segundo os sindicatos, a empresa está a recortar as prestacións co obxectivo de «sacar tallada» económica á custa das condicións laborais e tamén de milleiros de doentes das áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza. Por este motivo, convocan folga os vindeiros 14 e 21 de febreiro.

CONFLITO LABORAL

Entre os recortes no servizo, os sindicatos aluden a un número de traballadores e traballadoras inferior ao que marcan os pregos de contratación. Por contrato, debería haber 136 profesionais, pero a día de hoxe Esteve Teijin só conta con pouco máis da metade, 77.

Desde CCOO e CIG esixen que o Sergas exerza as súas competencias e faga cumprir o contrato, inclusive as cláusulas sancionadoras, pois está prevista unha multa diaria á concesionaria por cada traballador ou traballadora de menos que asigne ao servizo. «Para que isto se cumpra, a Administración tería que estar controlando con que persoal conta Esteve Teijin, pero non o fai», denunciou Pedro Comesaña, responsable de Política Industrial de CCOO-Industria.

Actualmente hai 53 traballadores e traballadoras para as áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés (o contrato fixa 88) e 24 para Santiago-Barbanza (o contrato marca 48). Para sortear as posibles sancións, houbo despedimentos por motivos supostamente «disciplinarios», que neste caso non computan para os efectos dunha multa económica.

Ao tempo, non se cobren as baixas, vacacións ou permisos, sobrecargando de traballo o resto do persoal. «O número de doentes que nos asignan cada día é inasumible», lamentou Aarón Sestay, delegado de CCOO.

PREXUIZO AOS DOENTES

Amais do conflito laboral, CCOO e CIG tamén explicaron os prexuízos que os recortes de Esteve Teijin causan aos milleiros de doentes que a empresa debe atender anualmente. O pasado novembro, de xeito unilateral, a empresa instou as traballadoras e traballadores a contactaren cos doentes para informalos de que, a partir dese momento, o servizo que se prestaba a domicilio pasaba a facerse nun Centro Respiratorio Esteve Teijin Asistencial (CRETA).

Esta medida supón incumprir coa natureza do propio servizo —tratamento ambulatorio—, pero tamén «obriga a facer, nalgúns casos, ata 30 ou 50 quilómetros desde o domicilio ata o CRETA de referencia», explicou Carla Jiménez, delegada de CCOO.


CCOO /  CCOO Galicia /  CIG /  Confederación Intersindical Galega /  SERGAS /  Servizo Galego de Saúde /  Xunta de Galicia /