EU denuncia a contía miserenta das axudas sociais e o asistencialismo retrógrado do PP, incapaz de implementar unha política social transformadora
As políticas de recortes seguen a xerar situacións discriminatorias e dramáticas na sociedade galega, tal e como mostran os datos desprendidos do informe: Dereitos sociais nas comunidades autónomas e crise económica, presentado no Foro da Autonomía celebrado no Senado.
Segundo estes datos, Galicia é unha das comunidades onde as persoas usuarias perciben unha menor contía e unha menor duración da Renda de Inclusión Social (RISGA), con só unha media de 399 € durante só 12 meses, fronte a outras comunidades que contan con axudas ampliables “sen límite” ou con maior contía. Así, o País Vasco é a comunidade que ten a axuda máis elevada, con 665 euros, seguida de Navarra e Canarias, con 472 e 548 euros respectivamente.
Segundo a responsable de políticas sociais de Esquerda Unida, Sofía Díaz, “o feito de que Galicia continúe á cola de todo o Estado, en canto á contía e á duración destas prestacións desenmascara ó PP, demostra que o goberno de Feijóo non ten vontade política nin compromiso ético para levar a cabo políticas sociais que sexan realmente transformadoras, e que supoñan un apoio real para as persoas que máis padecen esta crise-estafa que eles mesmos xeraron”.
Son moitas as persoas que se atopan nesta situación de vulnerabilidade social. Segundo EAPN, a Rede Galega Contra a Pobreza e Exclusión Social, unhas 13.848 persoas percibiron unha RISGA en Galicia no ano 2015, é dicir, cinco persoas por cada mil, e un 12,8% máis que no 2014. Estes son os últimos datos que se coñecen, aínda que, sen dúbida, o número de persoas en situación de risco e/ou de exclusión social non deixa de aumentar en Galicia.
A responsable de políticas sociais de Esquerda Unida, Sofía Díaz, destaca que, “os últimos datos do informe O estado da pobreza en Galicia 2016, da EAPN, son alarmantes: 702.000 persoas, o 25,7% da poboación, atópase en risco de pobreza. Delas, unhas 132.000 persoas viven en situación de pobreza extrema e sobreviven con ingresos inferiores a 332 euros mensuais. Ademais, o número de persoas traballadoras en situación de pobreza sitúase xa nun 15%, un exemplo máis da perversidade deste sistema capitalista, baseado na inxustiza, na desigüaldade e que nega unha xusta redistribución da riqueza do país”, di.
“Neste contexto de precariedade e inxustiza social, temos que destacar a situación dun colectivo especialmente agredido polo goberno do PP, as persoas migrantes en situación administrativa sen regularizar que, ademáis da súa expulsión do sistema sanitario, se atopan con todo tipo de trabas para poder acceder a estas prestacións sociais, de carácter autonómico; só nalgunhas ciudades do cambio, A Coruña e Santiago de Compostela entre elas, os gobernos municipais, na medida das súas posibilidades, combaten esta vulneración de dereitos fundamentais a través de rendas básicas municipais que poden solicitar todas as persoas que o precisan, sexa cal sexa a súa situación administrativa”, explica Díaz.
Esquerda Unida considera que ese é o camiño a seguir: a superación de intervencións meramente asistencialistas e paternalistas e a implementación de políticas sociais realmente transformadoras, co obxecto de posibilitar a inclusión social de todas persoas; para elo, é preciso superar a amalgama de prestacións anacrónicas como a RISGA e outras axudas para situacións de emerxencia social e comezar a traballar na implementación progresiva dunha renda básica de cidadanía, garante dunhas condicións mínimas non só para unha vida digna, senón para unha vida plena e libre para á cidadanía galega.