Ana Pontón: “Comezou a conta atrás do cambio galego no que o BNG representa o futuro e o PP o pasado”
- Anuncia un Debate de Investidura “cara a cara” entre un BNG con ideas claras, liderado forte e proxecto de país fronte á política fracasada do Partido popular e un actor secundario “efecto rebote da corrupción do PP”.
Tras a reunión do Consello Nacional, a líder do BNG, Ana Pontón afirmou que: “Comezou a conta atrás do cambio galego, no que o PP representa o pasado e o BNG o futuro”.
A portavoz nacionalista definiu o próximo Debate de Investidura como “un cara a cara entre o futuro e o pasado, entre o BNG e Partido Popular, entre un proxecto con ideas claras, liderado forte e proxecto de país fronte unha política fracasada e un actor secundario produto da corrupción do Partido popular”.
Galiza precisa do cambio político liderado polo BNG
O BNG, recalcou Pontón, vai ser a forza protagonista deste novo tempo. Haberá resistencias daqueles que queren que nada cambie. Pero a nosa capacidade, o noso traballo, o noso compromiso, a nosa vontade de poñer os intereses de Galiza sempre por diante, sempre primeiro, faranos capaces de superar os obstáculos.
Fóra, dixo, hai unha maioría da sociedade galega que quere, que merece e que necesita ese cambio galego que o BNG representa, e que sabe que neste momento, é o BNG quen ten a responsabilidade de facelo posible. A xente, o pobo galego que nos mira quere de nós xustamente iso, “liderado e intelixencia” para facer posible o cambio político galego. “Farémolo coas catro palabras chaves deste tempo que agora comeza: dialogar, expandir, ampliar e confiar”.
Tras agradecer o traballo de todos os membros do Consello Nacional e a militancia nacionalista, Pontón referiuse ao “compromiso” do BNG con Galiza e a sociedade galega nun contexto de crise económica, industrial e grande precarización do emprego. Neste sentido, asegurou que o contexto económico é preocupante e non permite frivolidades nin estar a outras cousas que non sexa aportar alternativos fronte a unha inflación máis alta que a media. Hai que dar solucións á crise industrial, apostar por rescatar os servizos públicos, enfrontar a precarización da sociedade e os problemas medioambientais.
Estafa e insultos á cidadanía
Na súa intervención, Pontón cualificou de “estafa” a situación económica e criticou que o IBEX no ano 2021 obtivera 64.000 M€ de beneficios, dos que 11.050 foron para as arcas de Iberdrola, Narturgy, Endesa e Repsol. Estamos vendo, dixo, como se transvasan rendas do traballo e pensións ás multinacionais e “están tan subidos”, que xa non se cortan e insultan á cidadanía como fixo “indignamente” o Sr. Galán “chamando tontos aos clientes”. O máis grave, remarcou a líder do BNG, non é a súa soberbia, o realmente grave, enfatizou, é que “ os gobernos lles permiten seguir estafando á cidadanía”.
Ante esta situación, o BNG volve a poñer na mesa propostas para “subirlles os impostos as eléctricas, acabar cos beneficios caídos do ceo, crear unha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa eléctrica galega”.
Pontón insistiu en que o cambio político en Galiza “está en marcha” e comezou a fraguarse o 12 de xullo de 2020 cando a cidadanía puxo ao BNG como líderes e cabeza da alternativa de goberno porque “hai unha nova Galiza que vén para quedar, orgullosa de si, que confía en si mesma, que quere poñer os seus recursos, capacidades e talento ao seu favor e que non acepta límites”. O BNG, hoxe é a “representación política dese cambio profundo que se está a dar na sociedade galega” porque temos “ao máis vivo, o máis dinámico e o máis transformador da nosa sociedade camiñando con nós”.
O PP cómplice de Jácome
Pontón lembrou o encontro da semana pasada con representantes municipais do BNG para avanzar na estratexia das eleccións municipais do 2023 e non pasou nin unha semana, dixo, para que “o Partido Popular nos dera a razón sobre a necesidade urxente dunha renovación democrática nos concellos galegos”. “Que vergoña o que tivemos que ver en Ourense con Jácome e o Partido Popular. Que indignidade política para o conxunto da sociedade galega termos que padecer que o Partido Popular manteña na alcaldía de Ourense a un alcalde letal”. Cada segundo de máis que pase como alcalde, é un segundo máis de vergoña e irresponsabilidade democrática do Partido Popular, que son os verdadeiros culpables de que esta situación se estea a dar.
Pero case todos os males augurou, teñen remedio, e neste caso, o remedio ten nome e organización: “Luís Seara e o BNG poden abrir un novo tempo político na cidade”.
A política municipal do BNG, explicou, é sinónimo de prestixio e saber facer, dentro e fóra de Galiza e tamén a mellor mostra da política que o BNG quere para Galiza como país: “unha política ambiciosa, de maiorías e para as maiorías; unha política transformadora, que mellora a vida das persoas; unha política con orgullo e confianza no noso”. Onde goberna o BNG, hai “gobernos transformadores, que fan política sen sectarismos e para a maioría”, que transforman os territorios e melloran a vida das persoas.
O BNG vai ser a forza protagonista deste novo tempo e advertiu que haberá resistencias daqueles que queren que nada cambie. Pero a nosa capacidade, o noso traballo, o noso compromiso, a nosa vontade de poñer os intereses de Galiza sempre por diante, sempre primeiro, “faranos capaces de superar os obstáculos”.
“Demos o mellor de nós, confiemos en Galiza, recibamos cos brazos abertos e un sorriso nos beizos a todas as persoas que queren unha Galiza máis forte, con máis futuro e máis dona de si”, concluíu.