Redacción •  Galicia •  01/06/2022

Centos de persoas maniféstanse en Ferrol pedindo xustiza para Pintos e a derrogación da Lei Mordaza

A CIG chama a apoiar a campaña polo indulto ao compañeiro e mobilizarse contra os intentos de criminalizar a loita social.

Centos de persoas maniféstanse en Ferrol pedindo xustiza para Pintos e a derrogación da Lei Mordaza

Ao berro de «xustiza para Pintos» e reclamando a derrogación inmediata da Lei Mordaza, centos de persoas manifestáronse na tarde deste martes polas rúas de Ferrol en apoio á solicitude de indulto e para que se faga xustiza co exsecretario comarcal da CIG. Mais tamén na defensa dos dereitos e liberdades sindicais, pois atrás deste proceso hai un intento obvio de criminalizar e perseguir a mobilización social que non podemos consentir.

Ao inicio da mobilización, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, lembraron que aínda que a Audiencia Provincial acordou a suspensión da pena, «estamos aquí porque o que queremos é que haxa xustiza co compañeiro Pintos, que se lle retire na súa totalidade a condena. E iso pasa porque o Goberno español lle conceda o indulto».

Carril valorou que a resolución da Audiencia constitúe un paso importante no obxectivo inmediato de evitar a entrada en prisión de Pintos, mais non o final desta loita; e considerou que acadar este punto foi posíbel grazas ás accións desenvolvidas a nivel xurídico e sindical e ao gran rexeitamento social manifestado contra este proceso, que cualificou de inxusto e de «claro ataque á liberdade sindical».

Non podemos permitir máis retrocesos nos dereitos

Subliñou que coa detención e o posterior procedemento xudicial «non se pretendía unha condena a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”. Non hai que esquecer que a detención de Pintos se deu no marco dunha mobilización promovida polos comités de Navantia e da desaparecida Poligal en demanda de carga de traballo e o mantemento da actividade produtiva, coincidindo cun acto do PP ao inicio da campaña electoral ás autonómicas de 2012.

A aquela altura, o PP gobernaba en Galiza e no Estado e utilizaba a súa maioría absoluta para impor as durísimas políticas de recortes decretadas dende Europa baixo a escusa da crise financeira que estoupou en 2008.

Por iso o secretario xeral da CIG chamou a dar unha resposta total e sen fisuras ante a represión, porque «non podemos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e criminalizar a loita obreira por esixir emprego e salarios dignos e o dereito a ter unha vida en condicións dignas». E lamentou que, malia os compromisos programáticos, o Goberno español mantén plenamente vixente a denominada Lei Mordaza, aprobada no seu día polo PP precisamente para acalar e perseguir a loita social.

Neste contexto, encadrou a solicitude de indulto ao compañeiro Pintos “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.

Continúa adiante a campaña a prol do indulto

Abundando nesta cuestión, Manuel Grandal denunciou que o proceso ao que se tivo que enfrontar Pintos «constitúe un escarmento á loita sindical e a reposta social que non podemos permitir». O secretario comarcal da CIG-Ferrol criticou a desmesura actuación da que foi vítima Pintos, tanto no relativo á súa detención como ao proceso xudicial posterior, «valéndose da aplicación máis humillante da chamada Lei Mordaza», cuxa derrogación inmediata se reclamou durante a manifestación deste martes.

Grandal, agradeceu o apoio social amosado durante este tempo fronte a esta inxusta sentenza co compañeiro Pintos, subliñando a boa acollida que ten a campaña a prol do indulto na rúa e nos centros de traballo. Recordou que, ante o novo escenario tras a decisión da Audiencia Provincial, a presentación formal da solicitude de indulto se fará na primeira quincena de outubro «para termos marxe suficiente para recoller o maior número de apoios posíbel».

Ademais, como o indulto «é unha decisión política que ten que decretar o Consello de Ministros e Ministras», as centrais sindicais teñen solicitada reunión co delegado do Goberno en Galiza e coa ministra de Xustiza, da que se agarda concretar data, porque «se algún indulto se debe conceder e é de xustiza, é o de Pintos».

«Para que haxa loita obreira ten que haber solidariedade»

«A loita é o camiño pero para que haxa loita ten que haber solidariedade obreira». Con estas palabras resumía o propio Pintos o sentido da convocatoria deste martes en Ferrol.

O sindicalista quixo agradecer o apoio recibido ao longo deste duro e prolongado proceso e destacou a unidade e a resposta contundente na defensa dos dereitos e liberdades «porque o que me pasou a min pretende ser un aviso para toda a clase traballadora que non podemos consentir, non só por nós, senón por quen virá despois», aseverou.


Ley Mordaza /