Redacción •  Galicia •  03/08/2022

Precariedade na contratación indefinida e caída do emprego no sector Servizos

A CIG advirte dos preocupantes síntomas da crise que se nos vén enriba que se tiran dos datos

Precariedade na contratación indefinida e caída do emprego no sector Servizos

En Galiza figuran como desempregadas, segundo os datos do SEPE, un total de 139.850 persoas. O paro descendeu no mes de xullo un 0,77%, co que hai 1.082 persoas desempregadas menos que no mes de xuño e 12.084 menos que no mesmo mes de 2021. Porén o incremento das modalidades de contratación máis precarias, o descenso no número de contratos e o incremento do desemprego no sector Servizos fai albiscar a grave crise que se nos aveciña ao remate do verán.

Así o considera o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, quen apunta que “os síntomas do mercado de traballo son os mesmos que no Estado, onde aumentou o paro e onde fallou o sector Servizos”. Nese sentido, lembra que en Galiza “tamén houbo un aumento do desemprego xustamente no sector Servizos mentres que no resto dos sectores descenderon”. Un baixón que se deu, sobre todo, nas provincias de Lugo e Ourense.

Sío chama a atención sobre o feito de que o grupo onde máis descendeu o paro foi entre o colectivo de persoas sen emprego anterior, con 490 persoas desempregadas menos. Considera que isto ten que ver coa aplicación da reforma laboral e a posibilidade de facer contratos temporais para suplir vacacións, algo que, subliña, “era ilegal antes da reforma do PSOE e de Unidas Podemos” e que agora se pode facer. “Entendemos que son esas persoas as que teñen contratos de substitución polas vacacións, e que aí é onde se ve o descenso máis grande”.

Máis mulleres desempregadas

Das 139.850 persoas que hai no paro o 58% delas son mulleres, o que máis unha vez vén constatar que seguen sendo as mulleres as máis castigadas porque “ao haber menor contratación no sector Servizos, que está fortemente feminizado, son as que van sufrir o desemprego no momento no que este sector comece a baixar”.

Os datos do SEPE constatan ademais como nas provincias do litoral, A Coruña e Pontevedra, hai descensos do desemprego, mentres que nas provincias de Lugo e Ourense aumentou o desemprego en 159 e 179 persoas respectivamente.

Os contratos fixos-discontinuos medraron un 868,49% e os de tempo parcial un 304,17%»

O secretario confederal de Emprego sinala ademais que o descenso foi máis forte en Pontevedra que na Coruña, o que atribúe ao efecto Camiño de Santiago e a campaña de verán, o que o leva a concluír que “é un descenso estacional e non estrutural que faga pensar que van mellorar os datos do paro de forma continuada”.

Compara a actual situación coa de 2021, no que o descenso do paro foi grande no sector Servizos o que entende que apunta cara unha ralentización do emprego que xa se está comezando a producir e que “ten que ver moito co que se aveciña da crise e os problemas que imos ter derivados da crise enerxética e do sobrecusto dos produtos, co conseguinte aumento da carestía da vida”. Datos que ao seu entender permiten advertir da crise que se nos vén enriba e que terá graves efectos, sobre todo despois do verán, “cando se empecen a notar con maior forza”.

Indefinidos precarios

Respecto dos contratos, asináronse en Galiza un total de 86.723 contratos, 6.000 máis que o mes anterior, pero 14.400 menos que en xullo do ano pasado. Deste total, 30.109 foron indefinidos e 56.614 temporais. Respecto destes últimos, o secretario confederal de Emprego entende que se corresponden cos contratos que permite a reforma laboral para cubrir vacacións.

En canto aos indefinidos advirte de que o 58% desta contratación é con contratos a tempo parcial ou fixos discontinuos. “Traballadoras e traballadores que non traballan toda a xornada, polo tanto van cobrar só unha parte do salario e, no caso dos fixos discontinuos, contratos moi vinculados ao sector servizos que deixarán sen emprego e sen ingresos a moitas traballadoras e traballadores ao remate da campaña do verán”.

Con todo, a contratación indefinida tivo un descenso importante que, sinala, “vai ser así e empeorar a partir de agora”.

Diante desta situación, o secretario confederal de Emprego demanda que se fagan públicos os datos de fixos-discontinuos en Galiza, para saber o alcance desta modalidade de contratación precaria no noso país, aínda que todo parece indicar que se terán incrementado como no conxunto do Estado, onde respecto do mes de xullo de 2021 aumentaron nun 868,49%. Porcentaxe aínda máis preocupante cando se pon en relación co incremento de contratos a tempo parcial que medraron nun 304,17% respecto do ano anterior. “Esta é a realidade do mercado laboral resultante da última reforma laboral: contratación precaria e salarios míseros”, conclúe.


precariedad laboral /