Amelia Pérez: «Se a patronal non rectifica, seguirémonos mobilizando»
A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, concedeu esta mañá unha entrevista á Radio Galega na que advertiu as patronais de que as mobilizacións continuarán se non se produce un cambio de actitude. Lembrou, así mesmo, que as conversas coa CEOE «están rotas xa desde antes do verán» pola negativa do empresariado a garantir os salarios da clase traballadora.
«Temos un acordo confederal coa UGT para trasladar a todas as empresas un incremento este ano do 3,5 %, pero introducindo cláusulas de garantía salarial que impidan a perda de poder adquisitivo», explicou Pérez.
Segundo a sindicalista, a clase traballadora «non pode pagar os custos da crise, coma sempre», e incidiu en que «a crise actual non é como a do 2008», polo que censurou que se pretendan adoptar as mesmas políticas que daquela.
A secretaria xeral de CCOO reprochou tamén o egoísmo que evidencian as organizacións patronais e as grandes corporacións. «Hai empresas como as eléctricas, a banca ou de combustibles ás que lles veñen beneficios coma caídos do ceo» e que, malia isto, «xa comezaron a repercutir os incrementos de custo». Por esta razón, a sindicalista advertiu de que «ten que arrimar o ombreiro todo o mundo, non sempre os mesmos».
En opinión de Amelia Pérez, se non aumentan os salarios, será imposible afrontar o incremento do custo da vida, e sinalou de xeito especial as dificultades de cada vez máis familias para chegaren a fin de mes. «Os datos teñen nomes e apelido, teñen cara, cómpre poñerlles cara a estes problemas», apuntou.
Crise da man de obra
Preguntada sobre a suposta crise de man de obra en diferentes sectores, a secretaria xeral incidiu en que se trata, polo xeral, de actividades con malas condicións laborais e que a xente non está disposta a aceptalas. «O exemplo máis claro é o da hostalaría», concretou ao tempo que apelou a un «cambio de mentalidade» no empresariado do sector. «O mundo cambia e os empresarios tamén o teñen que facer», sentenciou.
Segundo a súa análise, noutros sectores o problema é un pouco diferente: o persoal que perderon na anterior crise foise recolocando noutras actividades, polo que neste caso deberán ser as empresas as que fagan propostas atraentes para recuperar ese persoal cualificado. «Seguramente aquí o teñan un pouco máis doado», sinalou.
Por último, a secretaria xeral de CCOO afirmou que Galicia ten un «problema de remuda xeracional» porque a mocidade galega abandona o país «pola falta de expectativas», polo que reivindicou políticas axeitadas nesta materia.