Denuncian outra acción intimidatoria da gandería industrial contra o movemento ecoloxista
- Ecoloxistas en Acción denuncia que unha explotación porcina industrial en Silleda (Pontevedra) interpúxolle unha demanda xudicial con afán meramente intimidatorio, co obxectivo de acalar as súas críticas polos impactos ambientais da gandería industrial.
- Non é a primeira vez que unha empresa do sector tenta silenciar a ecoloxistas, veciñas/os ou movementos sociais mediante accións xudiciais que perseguen atemorizar a quen denuncie o grave impacto ambiental e social das explotacións industriais.
A Federación galega de Ecoloxistas en Acción sinalou, a mediados deste ano, un proxecto dunha a explotación industrial de porcos en Silleda (Pontevedra), por bordear a ilegalidade ao declarar unha capacidade de 1.999 animais para eludir o estudo de impacto ambiental (EIA), obrigatorio a partir de 2.000 animais. Ademais, esta explotación estaría situada á beira dun núcleo de vivendas unifamiliares, o que provocou as protestas das familias veciñas. A comarca galega do Deza, á que pertence o municipio de Silleda, soporta xa a maior carga gandeira de toda a comunidade autónoma galega.
Estas prácticas son habituais para eludir os estudos de avaliación ambiental sen que a administración poña remedio. Ecoloxistas en Acción Galiza denunciou tamén que, lonxe de poñer límites ambientais á proliferación sen control da gandería industrial, a propia Xunta de Galicia subvenciona estas instalacións industriais. No caso deste proxecto de Silleda, caso con máis de 100.000 euros.
Ecoloxistas en Acción Galiza colaborou coa veciñanza de Silleda para que este caso tivese unha gran repercusión mediática e social, o cal incomodou a Fertaporc S.C., propietaria da explotación, quen presentou unha demanda xudicial por 3.000 euros contra Ecoloxistas en Acción. Para a organización ecoloxista, a demanda é totalmente infundada e só pretende intimidar a activistas e veciñanza para silenciar as protestas contra a gandería industrial e este proxecto en concreto.
Este tipo de casos de empresas cárnicas demandando a movementos ecoloxistas e veciñais está a ser cada vez máis frecuente. Sen ir máis lonxe, en Ourense, o grupo Coren interpuxo demanda, hai pouco máis de dous anos, contra un veciño da Limia por denunciar publicamente as súas actividades e, máis recentemente, a finais do ano pasado, en Navarra, a empresa Valle de Odieta S.C.L. demandou a organizacións e colectivos ambientais pola denuncia pública das súas irregularidades.
Ecoloxistas en Acción propón un modelo de gandería extensiva con base agroecológica que cre emprego de calidade, protexa a biodiversidade e preveña incendios, proporcionando emprego e alimentos de calidade. Por todo iso, a organización ecoloxista denuncia o modelo agroindustrial, que só beneficia a unhas poucas grandes empresas.