Redacción •  Galicia •  28/10/2022

BNG urxe garantir o acceso de todas as zonas rurais da Galiza ao Plan Único de Banda Larga

  • Néstor Rego reclama ao Goberno clarificar se o rural galego que non posúe de tendido telefónico terá o dereito de acceder á banda larga a través do Plan UNICO-Demanda Rural.
  • A frente nacionalista explica que as características propias da Galiza e a maneira de habitar o territorio non poden ser causa de discriminación e reclama recoñecer o dereito a desenvolver a actividade económica e social en igualdade de condicións.
BNG urxe garantir o acceso de todas as zonas rurais da Galiza ao Plan Único de Banda Larga

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para coñecer as actuacións que levará a cabo o Goberno do Estado para garantir o acceso das zonas rurais da Galiza que carecen de liña telefónica ao Plan Único de Banda Larga. Para a organización nacionalista, a dispersión poboacional do País e a escasa infraestrutura telefónica que caracterizan o rural galego non pode ser causa de discriminación por parte do Estado e debe recoñecerse o dereito de todas as persoas, vivan no rural ou na cidade, a desenvolver a súa actividade económica e social en igualdade de condicións.

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital puxo en marcha o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO), un programa marco que facilitaría a universalización do acceso á banda larga ultra rápida e a extensión do 5G. Nos seus obxectivos recolle alcanzar unha cobertura de banda larga a, como mínimo, 100 Mbps para a totalidade da poboación do Estado en 2025 a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e da Axenda España Dixital.

O Plan UNICO-Demanda Rural, que conta cun orzamento de 73,3 millóns de euros e está financiado con fondos Next Generation e FEDER, ten como obxectivo estender a banda ancha ultrarrápida en zonas rurais e remotas onde os operadores non realizaron o despregamento das súas redes.

Con todo, a última información que se coñece a través das diferentes empresas instaladoras vén a dicir que será necesario gozar con anterioridade de liña telefónica para a instalación do servizo de banda larga.

“Isto significa que este dereito non estará garantido para toda a cidadanía. Ignoran que na Galiza existen moitas parroquias rurais onde, en lugar de instalar conexión telefónica, se habilitaba a conexión a través do chamado TRAK” explica o deputado do BNG.

En opinión do deputado nacionalista, ter a posibilidade de conexión a internet é imprescindíbel para permitir que as zonas rurais poidan desenvolver plenamente todo o seu dinamismo económico e empresarial, para que poidan competir en igualdade de condicións con outros territorios. “Mesmo para poder relacionarse coas administración que, nos últimos anos co pretexto da pandemia e a dixitalización, pasaron a exixir case de maneira exclusiva os trámites de forma telemática” sinala Rego.

“Resulta necesario que o Goberno aclare a realidade práctica na aplicación deste plan. Debe comunicarse se, tal e como aseguran as empresas, se exixirá posuír previamente tendido telefónico e, se este non existir, se se negará o dereito a unha conexión de banda larga” aclara o deputado nacionalista. Así mesmo, Rego reclama ao executivo estatal e ao MAEC que prevexan as características especiais de dispersión poboacional e escasa infraestrutura telefónica que concorren no rural galego “para garantir que todos os habitantes, sendo indiferente onde vivan, teñan acceso a banda ancha”.

Actualmente no rural da Galiza existen explotacións gandeiras punteiras de leite, carne, aves, tamén outras industrias e negocios que, do mesmo xeito que a poboación, están espallados polo territorio. “Esta dispersión poboacional é unha dos sinais de identidade da forma de habitar o territorio na Galiza e esa diferenza non pode ser causa de discriminación, senón que debe recoñecerse o dereito a desenvolver a súa actividade económica e social en igualdade de condicións que o resto da poboación da Galiza e do Estado” conclúe Rego.


BNG /