Redacción •  Galicia •  01/11/2022

O complexo Mistral-Tramontana completa a destrución paisaxística da Serra do Larouco

  • Unha empresa tapadeira con sede en Cádiz e que non desenvolve proxectos eólicos propios saca a exposición pública unha macro central dividida en dous proxectos idénticos con 15 aeroxeradores de 150 metros de altura e dúas subestacións que evacuarían a enerxía a través dunha LAT sobre o Val do Salas até Mugueimes (Muíños).
O complexo Mistral-Tramontana completa a destrución paisaxística da Serra do Larouco

A empresa Four Winds, con sede en Cádiz, promove dous proxectos eólicos que se someten a exposición pública o mesmo día, que teñen as mesmas características técnicas, na mesma área de aproveitamento eólico e que supoñen sobre o mapa unha ampliación de facto do polígono de Iberdrola no Larouco (49 aeroxeradores operativos sobre a cima da serra), compañía que adoita utilizar este tipo de sociedades interpostas e que, ademais, mantén en trámite desde hai un ano un proxecto eólico (San Martiño) que se superpón con estes.

Un graduado en ciencias ambientais con menos de 3 anos de experiencia é o encargado de asinar pola empresa Sertogal, con sede en Ourense, os estudos de impacto ambiental e outros informes sobre ambos proxectos: Mistral (7 aeroxeradores) e Tramontana (8 aeroxeradores), que suporían a destrución paisaxística da vertente galega da Serra do Larouco, alén de severas afeccións a áreas de alto valor natural como A Rousía e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, alén dos impactos sobre as actividades deportivas, como o parapente, e turísticas que se desenvolven na zona e sobre o seu sistema hídrico, agravado polo trazado dunha Liña de Alta Tensión (LAT) que non se contempla en ningún destes estudos e que afectará ao Val do Salas no seu tránsito até a subestación de Naturgy en Mugueimes.

Malia todas estas alertas sobre as eivas e riscos dos proxectos que en realidade son un só, a Xunta consinte en someter a exposición pública nun prazo de 30 días dous documentos de máis de 3.000 páxinas cada un, nunha interpretación restritiva e irresponsábel do que debe ser un proceso de avaliación pública.

Despois de tres días en exposición pública, un dos documentos claves para analizar o proxecto no seu conxunto, o documento ‘02.Planos’ do ‘Portfolio EIA refundido PE Tramontana’ (o estudo de impacto ambiental) é inaccesíbel, polo que STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA rexistrou onte un escrito diante da Xefatura Territorial de Ourense para que se corrixa o erro e o prazo de alegacións comece a contar desde que se teña producido esa corrección.

O plan de Four Winds pretende a ocupación de 1.027,83 hectáreas para chantar 15 aeroxeradores de 150 metros de altura cunha potencia total instalada de 49,5 MW (no límite de potencia para evitar a tramitación a través do MITECO) con 2 subestacións para a evacuación da produción a través dunha LAT cuxo proxecto se agocha nesta documentación.

Sobre esa LAT existe un proxecto en tramitación (Código 2021/0131) que saíu a exposición pública durante o verán de 2021 e que foi contestado STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA con alegación elaboradas pola asociación Petón do Lobo. Daquelas, desde a plataforma, denunciouse “a ausencia dunha avaliación ambiental conxunta e global a totalidade das infraestruturas” (macro polígono e LAT) que agora se repite e que volve restrinxir o dereito da cidadanía á participación pública na avaliación ambiental dos proxectos que como estes están estreitamente relacionados entre si, ademais de atoparnos diante dun claro caso de fragmentación fraudulenta pola división en dous do que en realidade é un mesmo proxecto ou, incluso, pode ser considerada unha ampliación dunha infraestrutura existente.


eólicas /