CCOO denuncia a «situación límite» do centro de saúde de Vedra e amosa tamén a súa preocupación polo de Boqueixón
A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a «situación límite» do centro de saúde de Vedra, que «literalmente, está caendo a cachos». O sindicato corrobora estas afirmacións con fotografías en que se pode apreciar o mal estado das instalacións —onde as humidades están deteriorando a estrutura— e incluso desprendementos de cornixas. Os problemas, con todo, van máis aló: apagóns por curtocircuítos, fugas de augas que obrigan a cubrir os baños con toallas ou falta de accesos para persoas con mobilidade reducida.
A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a «situación límite» do centro de saúde de Vedra, que «literalmente, está caendo a cachos». O sindicato corrobora estas afirmacións con fotografías en que se pode apreciar o mal estado das instalacións —onde as humidades están deteriorando a estrutura— e incluso desprendementos de cornixas. Os problemas, con todo, van máis aló: apagóns por curtocircuítos, fugas de augas que obrigan a cubrir os baños con toallas ou a falta de accesos para persoas con mobilidade reducida.
A propia sala de exploración «ten risco de desprendemento» pola falta de mantemento e conservación do edificio, apunta o sindicato. Todo isto, xunto co reducido espazo, obriga a que actividades como preparación ao parto se fagan en instalacións afastadas do centro de saúde.
Precísase unha mellor xestión do persoal
Así mesmo, CCOO-Sanidade reclama unha mellor xestión do persoal tanto do centro de saúde de Vedra como do de Boqueixón. Os traballadores e as traballadoras vense obrigados a desprazarse dos centros principais de cada un dos concellos durante curtos períodos ata o consultorio de Lestedo (en Boqueixón).
Esta decisión axuda a que nin se resolva a demanda asistencial en Lestedo, nin se atenda axeitadamente as persoas usuarias de Boqueixón e de Vedra. O único que consegue é sobrecargar o persoal que debe cubrir as ausencias que se producen nos respectivos centros de saúde, critica CCOO.