Redacción •  Galicia •  09/12/2022

O Encontro Galego contra a OTAN denuncia a suba de prezos e a carestía da vida

Os colectivos, partidos e persoas a título persoal agrupadas no Encontro Galego Contra a OTAN, manifestan o seu rexeitamento a que as consecuencias da guerra en Ucraína as pague a clase traballadora.

O Encontro Galego contra a OTAN denuncia a suba de prezos e a carestía da vida

Dende o comezo da intervención militar rusa na Ucraína, os gobernos da Unión Europea están a pedir á poboación dos distintos países que se resignen ante as consecuencias do que eles veñen a chamar a “guerra de Putin”. Máis alá do discurso oficial e da desinformación e censura por parte dos grandes medios de comunicación, o certo é que estamos ante unha guerra que xa comezara no 2014 pero que soamente tivo relevancia para estes medios dende que Rusia reaccionou ante as operacións de acoso comandadas pola OTAN e comezou a inxerencia bélica no territorio da Ucraína.

Dende os gobernos europeos, incluído o de España, pídese paciencia á poboación ante a suba de prezos provocada pola redución da venda de combustibles fósiles por parte de Rusia a causa das propias sancións da UE e tamén en boa medida pola pura especulación coa escusa da guerra.

Mentres que segundo o propio Banco de España, os beneficios das empresas aumentaron sete veces máis que os salarios e a patronal se nega a incrementar estes conforme ao IPC, as clases populares teñen que facer fronte ao incremento dos prezos dos produtos básicos coma son a enerxía ou os alimentos. Un incremento dos prezos que no caso das capas de poboación máis empobrecidas terán consecuencias aínda máis graves coa chegada do inverno a causa da imposibilidade económica de quentar os seus fogares.

Ao mesmo tempo os gobernos europeos integrados na OTAN seguen a botar lume á guerra aportando armas e diñeiro a Ucraína baixo as ordes dos USA. Ordes que estes gobernos obedecen submisamente incluso despois da provocación da voadura do gasoduto Nord Stream 2.

Pola súa parte, o goberno de España, pretende incrementar o gasto militar para o ano 2023 en máis do 26% ata os 25.000 millóns de euros, demostrando unha vez máis a súa submisión aos intereses ianquis.

Ante todo isto, o Encontro Galego Contra a OTAN quere manifestar a súa total oposición á política de sancións contra a aqueles Estados que se sitúan fóra do bloque imperialista UE-USA e contra o financiamento da guerra por parte do Estado Español. Ao mesmo tempo, fai un chamado á poboación a organizarse e a mobilizarse en contra da política de guerra e contra a especulación e a carestía da vida.


OTAN /