Rexeitan as tallas indiscriminadas de árbores da Universidade de Santiago
- Ecoloxistas en Acción alerta da posible talla indiscriminada do arboredo situado na fachada Sur da Residencia Burgo das Nacións pertencente á Universidade de Santiago de Compostela.
- A organización ecoloxista reclama á USC un modelo de xestión do arboredo baseado no coñecemento científico e non en creencias culturais ou caprichos de autoridades.
Nos últimos anos, debido á situación de emerxencia climática, Ecoloxistas en Acción incrementou o esforzo para lograr que o arboredo das nosas rúas e prazas se xestione a favor do interese xeral, tratando de sensibilizar á cidadanía sobre o valor duna xestión adecuada do arboredo urbano por medio de campañas de concienciación.
Desde a organización ecoloxista resaltan que o enfoque da xardinería urbana debe adaptarse ás condicións propias da cidade, co fin de lograr que se cumplan as funcións ecosistémicas máis importantes do arboredo urbano. Principalmente a mitigación dos efectos do cambio climático, pero tamén o sombreado, xa que as copas das árbores interceptan a radiación solar evitando o quencemento dos edificios, asfalto e pavimentos.
Outras importantes funcións son a evapotranspiración de grandes volúmenes de auga pola transpiración das follas, polo que as árbores se comportan como grandes “refrixeradores evaporativos”. A redución da infiltración do vento seco e caluroso do verán cara o interior dos núcleos urbáns, evitando así o seu quecemento. E mesmo a redución da temperatura e o aforro en climatización pola gran capacidade do arboredo para a redución das altas temperaturas das cidades.
Ecoloxistas en Acción alerta que a posible intervención no arboredo situado na fachada Sur da Residencia Burgo das Nacións, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, provocará precisamente os efectos non desexados dun aumento da temperatura no interior do edificio, o que conlevaría un aumento no gasto enerxético en climatización e tamén en sistemas de protección contra a insolación, xa que a superficie da fachada está ocupada por grandes ventanais.
A organización ecoloxista quere evitar que, incluso unha institución como a USC na que a investigación e a divulgación do coñecemento son a súa columna vertebral, cometan erros de xestión do arboredo que contradigan non só o que predican os seus académicos máis expertos na materia, senón o Plan de Aforro Enerxético que pretende levar a cabo a propia institución.
Subliñan que por desgraza nin a universidade compostelá escapa deste modelo de xestión trasnoitado e pseudocientífico que se aplica nas zonas verdes urbanas, sendo o arboredo a parte máis afectada. Así, indican, as podas severas, as tallas indiscriminadas ou a mala praxe diaria que se realiza ano tras ano no campus fan cada vez máis notorio o deterioro da súa masa arbórea. Denuncian que a este paso, de non cambiar esta política medioambiental, as árbores do campus só servirán para que algúns enchan as súas leñeiras.
A pesar das dificultades, Ecoloxistas en Acción anuncia que seguirá promovendo un modelo de xestión do arborado baseado no coñecemento científico e non en creencias culturais ou caprichos das autoridades de turno.