Redacción •  Galicia •  03/01/2023

No remate do ano 2022, CCOO reitera o seu compromiso coa clase obreira e pon en valor a súa xente, que «fixeron, fan, farán historia»”

Unha historia de compromiso coa xente traballadora e o país, 45 anos de Sindicato Nacional das Comisións Obreiras de Galicia, que celebraremos este ano 2023.

No remate do ano 2022, CCOO reitera o seu compromiso coa clase obreira e pon en valor a súa xente, que «fixeron, fan, farán historia»”

Deixamos atrás un ano de emocións, de loita, de compromiso. Na rúa, nos centros de traballo, nas mesas de negociación, defendendo mellores condicións de vida, servizos públicos de calidade, dereitos laborais e sociais.

Neste emotivo vídeo queremos recoñecer o principal valor desta organización, que é a súa xente, a súa afiliación. En palabras da secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, «compromiso e convicción coas Comisións Obreiras de Galicia porque, ante todo, comparten os valores e ideais do noso sindicato».

Agrupamos o conxunto de traballadoras e traballadores das distintas profesións e colectivos na defensa dos intereses do mundo asalariado, dos e das pensionistas, das persoas que están no paro, das emigrantes, da inmigración, da mocidade e de toda a sociedade.

O vídeo é unha pequena mostra das persoas que participan acotío na defensa do dereito laboral e social, e que xunto aos miles de afiliados e afiliadas, militantes e cidadanía en xeral, son as verdadeiras responsables de que CCOO de GALICIA siga loitando por mellorar a vida das persoas tras 45 anos, e en especial das máis vulnerables, precarizadas, discriminadas e perseguidas. Un traballo voluntario e solidario para conseguir unha sociedade máis xusta, democrática e participativa.

CCOO de Galicia reitera para este ano 2023 o seu compromiso e loita para conseguir a completa igualdade de todas as persoas que viven e traballan en Galicia, rexeitando calquera tipo de discriminación por razón de orixe e que reafirma a plena solidariedade dos intereses do pobo de Galicia cos outros pobos.

Ademais de reivindicar a mellora das condicións de traballo e de vida, asume a defensa de todo aquilo que nos afecta como traballadoras e traballadores, dentro e fóra da empresa, de xeito autónomo e independente dos poderes económicos, do Estado e de calquera outro interese alleo aos seus fins, e tamén dos partidos políticos.

CCOO é un sindicato internacionalista, desde o cal fomentamos a solidariedade con todos os pobos do mundo que loitan polas liberdades democráticas; cos refuxiados e refuxiadas, traballadoras e traballadores que padecen persecución por exerceren os seus dereitos sindicais e democráticos; e, en especial, cos pobos saharauí e ucraíno.

Neste ano 2023 celebraremos o 45 aniversario da constitución do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, en xuño de 1978, con Manuel Amor Deus elixido primeiro secretario xeral.

Un novo ano é unha nova oportunidade para reafirmar o noso compromiso coas traballadoras e traballadores. UN ANO DE GRANDES RETOS E DE DIFICULTADES, POLOS QUE LOITAREMOS COA NOSA XENTE, A QUE NON CABE EN CINCO MINUTOS DE VÍDEO TAMÉN.

VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS

VIVA A CLASE OBREIRA

FELIZ ANINOVO


CCOO Galicia /