Redacción •  Galicia •  07/01/2023

BNG demanda a actuación inmediata do MITMA para o arranxo da N-120 e a mellora da seguranza viaria

  • A frente nacionalista reitera a necesidade de levar a cabo a reparación do firme da estrada, arteria de comunicación prioritaria para o sur de Lugo e a zona oriental de Ourense.
  • Néstor Rego denuncia a falta de mantemento da N-120 por parte dos diferentes gobernos do Estado e lamenta o voto en contra das forzas políticas que conforman o Goberno ás emendas do BNG que reclamaban partidas para a mellora integral da vía e que poderían ter sido incorporadas nos orzamentos para 2023.
BNG demanda a actuación inmediata do MITMA para o arranxo da N-120 e a mellora da seguranza viaria

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de mantemento e a necesidade de melloras da N-120 e avanza o rexistro de novas iniciativas para reclamar máis unha vez que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acometa actuacións urxentes nesta vía, que conecta Ourense oriental coa capital e os concellos do sur de Lugo sendo a principal arteria de comunicación para miles de persoas.

O temporal de finais de ano e o uso continuado da estrada trouxo consigo máis deterioro no firme da N-120 e provocou até un accidente en cadea de 15 vehículos o pasado domingo. A pesar de que o persoal de mantemento da estrada tapou as fochancas con máis profundidade e as máis perigosas, aínda continúan a existir varios puntos negros na estrada que precisan dunha actuación inmediata.

“Levamos anos denunciando a situación do firme da N-120 e os problemas de seguranza viaria que o seu estado provoca. O gobernos do Estado, sexan do PSOE ou do PP, non levaron a cabo un mantemento da calzada e o firme vaise deteriorando cada vez máis” sinala o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego lembra que son numerosas as iniciativas que a frente nacionalista rexistrou na cámara baixa para que o executivo actuase e solucionase este problema. Mesmo rexistraron nos diferentes proxectos aos Orzamentos emendas para que o MITMA levase a cabo unha actuación integral. “Mais os partidos que compoñen o Goberno non votaron favorabelmente as nosas iniciativas” destaca Rego.

De facto, ante o sucedido a comezos de ano, a organización nacionalista rexistra novas iniciativas na cámara baixa para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana “acometa as actuacións necesarias para a mellora do firme e a seguranza viaria da N-120”. Entre as actuacións sinaladas por Rego, o MITMA debe proceder a quitar a maleza que cobre as marxes e, onde for posíbel, unha ampliacións dos carrís “sobre todo entre Os Peares até Montefurado, no Concello de Quiroga”.

Neste sentido, o alcalde nacionalista da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda Vilariño, urxe a intervención do Goberno do Estado entre Quiroga e Sober para a rehabilitación do firme e o desdobramento do carril neste tramo, así como atender as zonas de dificultades arqueolóxicas e patrimoniais existentes. “Entre o puntos quilométricos 507 e 510 concéntranse un número elevado de sinistros polo mal estado do firme e as numerosas fochancas con dimensións considerábeis” incide Maceda.

Por outra banda, o voceiro do BNG en Quiroga, Xosé Manuel Fernández, destaca a necesidade de actuar de maneira urxente no tramo máis próximo á ponte de Augas Mestas polo mal estado do asfalto. “Trátase dun tramo da vía que se atopa en moi mal estado e, sobre todo, o tramo de adiantamento en sentido Monforte” afirma. O mesmo acontece, segundo explica, no termo municipal de Sober, xusto antes de comezar a subir o Alto de Guítara, á altura de Canaval. “O firme está moi deteriorado en diferentes puntos e o risco de escorregamento nos días de choiva é elevado” afirma.

A responsábel comarcal do BNG e portavoz da formación no Concello de Pantón, Rosana Prieto Florines, explica que este tipo de accidentes automobilísticos “son totalmente evitábeis se o Goberno do Estado acometese as actuacións necesarias para a reparación do firme e o mantemento do mesmo”. Para a frente nacionalista, a N-120 é a principal vía de comunicación, prioritaria para a veciñanza do sur de Lugo e a comarca de Valdeorras, que garante a vertebración do territorio.


infraestructura /