Redacción •  Galicia •  28/04/2023

A CIG conmemorará o Primeiro de Maio baixo o lema “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas

Mobilizarase nas 7 cidades, Cangas, Cee, Vilagarcía, A Estrada, As Pontes, Ribeira, Burela e Verín.

A CIG conmemorará o Primeiro de Maio baixo o lema “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas

A CIG mobilizarase este Primeiro de Maio en 15 cidades e vilas de Galiza baixo o lema “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical rexeita as políticas económicas dos gobernos galego e español, “incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza” e chama a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”.

Así o expresou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen compareceu acompañado pola secretaria confederal de Organización, Susana Méndez para manifestar a súa preocupación pola espiral xeneralizada da suba dos prezos e da inflación, nomeadamente de bens e produtos básicos de consumo, que “está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego”. Unha situación diante da que cuestionou que en Galiza haxa estes altos prezos nos alimentos “cando somos produtores dos principais produtos da cesta da compra, como leite, carne ou peixe”.

Lesiva reforma das pensións

Carril denunciou, ademais, que moitas destas medidas “son reformas claramente lesivas e regresivas feitas para satisfacer as duras exixencias da UE para recibir uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro”. E fixo especial referencia á nova reforma das pensións que “amplía os recortes, negando o dereito a unha pensión digna, e que consolida as reformas anteriores e aumenta máis o período de cálculo, aos 29 anos -excluíndo os peores 24 meses-, afondando o resultado que levamos anos acumulando de caída nas contías das pensións, con especial afectación ás persoas menores de 50 anos”.

Máis grave aínda considerou que esta reforma se aprobe nun contexto marcado pola carestía da vida, o secuestro da negociación colectiva pola patronal e os chamamentos a un Pacto de Rendas que “ten como obxectivo impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo das pensións e dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea”, afirmou.

Reforma laboral

O secretario xeral da CIG lembrou que a reforma das pensións vén sumarse a última reforma laboral, aprobada sen derrogar as de 2010 e 2012, coa que, a un ano da súa entrada en vigor, “baixo as novas formas contractuais seguen a medrar a flexibilidade, a inestabilidade laboral e os baixos salarios e avanza imparábel a precariedade”.

En concreto fixo referencia ao incremento dos contratos a tempo parcial, empresas de traballo temporal ou axencias de colocación e dos contratos fixos descontinuos dos que asegurou que “se multiplicaron por catro en Galiza desde 2019”. Ademais apuntou que, segundo os últimos datos do paro “o incremento dos contratos a tempo parcial fan que o Estado español sexa o estado da UE no que máis medraron».

Confrontar o medre da dereita e da ultradereita

Neste contexto considerou que cómpre confrontar o avance da dereita e da ultradereita e “non alimentalo facendo as mesmas políticas económicas inxustas que eles fan onde gobernan” e que no caso galego temos o exemplo porque “todas estas políticas madrileñas son máis munición que favorece as nefastas políticas do PP en Galiza”.

Denunciou os beneficios millonarios que está obtendo o capital “tirando proveito da inflación e da carestía da vida”, como constatan os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas, que “non paran de medrar”; denunciou que o 1% máis rico do mundo acumula o 63% da riqueza e valorou que “os grandes anuncios” feitos polo Goberno español de novos impostos contra estes enormes beneficios “quedaron en bastante pouco ou en case nada”.

Engadiu á grave carestía da vida que importantes sectores produtivos e mesmo comarcas enteiras “están agonizando” e denunciou que, fronte a isto, o Goberno galego de Rueda “vive entregado á carreira electoral de Feixoo en Madrid” e que, como na época de Feixoo, “agora Rueda, segue metido nunha acción de desmantelamento masivo do país, reforzando a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, aumentando o empobrecemento das clases populares, negándose a un desenvolvemento galego propio para poder traballar e vivir dignamente no noso país”. Como exemplo puxo o caso de Pescanova, onde denunciou que entraron “a saco” fondos estranxeiros, agardando que non se poña en risco o emprego.

Afondando nesta cuestión, o secretario xeral da CIG denunciou que o PP está “entregado” a facilitarlle ao capital español e internacional “todo tipo de negocios” para facer de Galiza un destino “con maiores excesos dun turismo desordenado e descontrolado, coa privatización dos servizos públicos, a eucaliptización do noso monte” e consolidando un novo proceso de “colonización enerxética, coa actual ofensiva eólica que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras,montes e mesmo o mar, e que pon en perigo a sectores sociais que, grazas ao seu traballo, proporcionan alimentos básicos á poboación, e que tal como está planificada é un prexuízo económico e social irreversíbel”.

Por iso chamou á mobilización “ante a patronal e ante os gobernos” e a dar resposta a unha “realidade económica e social extrema, por moito que a disfracen con propaganda e por moito que a encubran no diálogo social, con CCOO e UGT”. Diálogo social do que dixo que se converteu “nunha auténtica fosa común onde se enterran os dereitos laborais e sociais”.

Mobilizacións do PRIMEIRO DE MAIO

Susana Méndez, que reiterou a chamada a saír á rúa o vindeiro luns, deu conta das mobilizacións convocadas en cidades e vilas de toda Galiza,  salientando que a central será, como en anos anteriores, a de Vigo.

Mobilizacións do 1º de Maio da CIG

– Vigo: A Dobrada, ás 12h.
– Cangas: Concello, ás 18h.
– A Coruña: Praza de Vigo, ás 12h.
– Cee: Praza Otero Lastres, ás 12h.
– Pontevedra: Praza da Ferrería, ás 12h
– Vilagarcía: Casa do Mar, ás 11:30h.
– A Estrada: Praza do Mercado, ás 12h.
– Ferrol: Local da CIG (avda. Esteiro), ás 12h.
– As Pontes: Praza do Hospital, ás 12h.
 Santiago: Praza Roxa, ás 12h.
– Ribeira: Praza do Mercado, ás 12h.
– Lugo: Edificio Sindical, ás 12h.
– Burela: Local da CIG, ás 12h.
– Ourense: Praza Maior, ás 11:30h.
– Verín: Concello, ás 12h.


1 de Mayo /