Redacción •  Galicia •  17/05/2023

PP rexeita crear unha empresa pública que xestione os beneficios da enerxía eólica

Noa Presas: “A participación pública era algo normalizado ata que gobernos do PSOE e do PP privatizaron e malvenderon activos enerxéticos e industriais a mans privadas nunha longa historia de fracasos: de Inespal a Endesa pasando por activos de Repsol ou da propia Red Eléctrica.”

PP rexeita crear unha empresa pública que xestione os beneficios da enerxía eólica

O BNG levou hoxe ao Pleno unha proposta de creación dunha empresa pública de enerxía que regule e reparta os beneficios do sector eólico en Galiza, iniciativa que foi rexeitada polos votos en contra dos Populares, cando, hai varias semanas, o presidente Rueda anunciou a futura creación dunha entidade similar “da que aínda non sabemos nada, tampouco sabemos de ningún tipo de borrador ou concreción nin foi facilitada aos grupos parlamentarios a información solicitada respecto do consello da Xunta no que lanzaron o seu globo sonda”, reprobou a portavoz de Enerxía, Noa Presas.

A portavoz de Enerxía fixo referencia á produción e altos índices de beneficios do sector eólico no País, que amosan como Galiza exportou o 40,5% da electricidade xerada en 2022 “e, ademais, do total producido, o 64,8% do total do mix eléctrico ten orixe renovable coa eólica liderando”, detallou, o que nos coloca como a terceira comunidade do Estado “que máis renovable xerou, e o ano anterior fomos a segunda”, declarou sobre un contexto no que, nas épocas normais de choiva, por exemplo, “xeramos un de cada catro MW que se producen no Estado”.

De feito, a deputada do BNG criticou o actual modelo de xestión dos beneficios eléctricos a nivel estatal, xa que “a participación pública era algo normalizado ata que gobernos do PSOE e do PP privatizaron e malvenderon activos enerxéticos e industriais a mans privadas nunha longa historia de fracasos: de Inespal a Endesa pasando por activos de Repsol ou da propia Red Eléctrica”, denunciou.

Presas desglosou a proposta alternativa do Bloque consistente nunha participación pública a través de tres propostas “nas que están o impulso á constitución dunha empresa pública de enerxía liderada pola Xunta e aberta á participación das entidades locais”, unha entidade, incidiu, con competencias sobre a xeración e a comercialziación desta enerxía eléctricas “que ademais promova o autoconsumo, as comunidades enerxéticas e a boa educación enerxética da sociedade”, aclarou, para o cal é preciso a segunda liña, consistente no rescate público das centrais hidroeléctricas “a medida que rematen as concesións e se rescaten para o sistema público, mais tamén outras formas de xeración como a solar e a eólica”, remarcou.

A terceira liña, explicou a parlamentaria nacionalista, é a do impulso ao fomento da participación pública directa e de interese social nos proxectos de iniciativa privada “reformando a lexislación eólica para que volva ser un elemento central, para iso é preciso impulsar cambios normativos no ámbito galego e estatal para a declaración do aproveitamento enerxético do vento como un ben dominio público, en réxime de concesión, fronte ao sistema actual de autorización por tempo indefinido”, reclamou a portavoz de Enerxía.

“Non podemos permitir que a ocupación do territorio para a explotación eólica sexa para sempre, sine die, deixándonos sen ferramentas para intervir a medida que as necesidades ou a tecnoloxía muden”, emprazou Presas,  que colocou ao vente como un recurso que debe estar ao alcance e no beneficio “de todos os galegos e galegas, polo ningunha empresa pode mercalo para sempre”, sinalou.

Fronte esta proposta do BNG, describiu a portavoz de Enerxía, atópase o comportamento dun PP “con propaganda e anuncios, mais sen ningún modelo concreto fóra do seu fracasado canon eólico”, denunciou Presas, que recriminou á bancada Popular “que vetou a participación económica pública e directa do sector eólico e está tan sumido no caos do seu boom eólico depredador”, tan fortemente contestado que tivo que prometer “abrir fórmulas de participación pública”, relembrou, “mais vemos como non fan nada nesa dirección, como non hai ninguén ao volante, non hai plan, non hai proxecto de lei, non hai vontade de mudar nada no modelo actual”.


energía eólica /