Ana Pontón pide concentrar no BNG todo o voto inconformista e rebelde que quere outro modelo de cidade para Vigo
- Subliña que Xabier Pérez Igrexas ten liderado, equipo e proxecto e destacou que sempre que o Bloque foi determinante fixo avanzar Vigo.
- “Propoñemos avanzar cara a un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e xusto, que volva ser pulmón industrial do País”, subliñou Pérez Igrexas.
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de Vigo co candidato á Alcaldía Xabier Pérez Igrexas, e aproveito para facer un dobre chamamento: á mobilización e a concentrar no BNG o voto de todas as persoas que queren outro modelo de cidade, o voto de cambio, de rebeldía e de ilusión.
“Vigo merece moito máis que a confrontación inútil, ridícula e partidista de PP e PSOE, que fai que perda oportunidades, que empeora a vida da veciñanza e desaproveita o inmenso potencial que ten esta urbe”, declarou, e neste contexto, “o 28M é a oportunidade de dicir basta xa optando polo proxecto de futuro do BNG da man de Pérez Igrexas”.
Por riba co aval dos feitos, destacou, “porque sempre que o BNG foi determinante no concello fixemos avanzar Vigo e por iso, este 28M pido a todas as persoas que queren outro modelo de cidade que concentren o seu voto na candidatura do Bloque; e a todas as persoas rebeldes, inconformistas que queredes un Vigo sustentable, feminista, igualitario, social, inclusivo, a toda a mocidade que quere un cidade que lle permita cumprir os seus soños, pídolles que enchan as urnas de votos ao BNG”.
A cidade precisa un proxecto que poña ás persoas no centro, con mellores servizos públicos, máis sustentable, con máis oportunidades e máis xustiza social; para construír un Vigo cun tecido económico e industrial forte, “porque non é posible unha Galiza de futuro sen Vigo”, motor económico e industrial do País, referente no naval, na automoción, na pesca.
“O futuro de Galiza pasa polo futuro de Vigo, porque está cidade recupere o pulso perdido e no BNG temos proxecto político, liderado e equipo para conseguilo, e sei que imos ter un resultado espectacular nesta cidade”, augurou, porque hai outro Vigo e outra Galiza posibles, “en grande, con ambición, desde a confianza nas nosas propias forzas”.
Na recta final de campaña, Pontón fixo un chamamento a todas as persoas queren cambio para que se mobilicen nas urnas, e tamén trasladou unha apelación directa á mocidade, “para que sexa motor de cambio para poñer en marcha unha nova Galiza que pense na xente nova”. É o momento de votar BNG, proclamou Pontón, fronte a un PP “desnortado e esgotado” que non ten nada que ofrecerlle ao País, máis aló de escándalo e corrupción.
“O 28M tamén vai de rexeneración democrática, de expresar nas urnas a indignación ante os que pensan que poden utilizar as institucións como se fosen súas; vai de expresar a rebeldía e o inconformismo e de reivindicar outra maneira de gobernar, como a do modelo municipal do BNG. Un modelo de éxito que pon en marcha concellos con calidade de vida, con orgullo, con futuro e profundamente democráticos, e este modelo é o que queremos estender por toda Galiza este 28M”, concluíu.
Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamou a “facer posíbel o que é necesario, empurrando cun BNG determinante as transformacións que necesita a maior cidade galega, deixando atrás esta etapa gris e acartonada que reduciu a política municipal a moreas de promesas incumpridas”.
Vigo merece máis
Igrexas, contrapuxo o proxecto aberto e en positivo do BNG para “levar Vigo máis alá” fronte ao do “candidato meme e da candidata dos selfies que só poden ofrecer máis do mesmo”. “Merecemos avanzar cara a un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda cultural e que exerza o papel que nos corresponde como maior cidade galega: o de sermos motor de todo un País”, proclamou.
Na recta final para que se abran as urnas e fronte a quen pretende desmobilizar dicindo que nada se pode facer, que o resultado está escrito, “o BNG dicimos que o voso voto si que vale, que non podedes permitir que decidan por vós”, afirmou Igrexas, apelando á mobilización este domingo.
Defendeu que o voto ao BNG en Vigo “vale dobre” porque permitirá cambiar o rumbo das políticas municipais e por ser “o voto que máis lle doe ao PP que leva 14 anos castigándonos desde a Xunta”, dirixiuse expresamente ás 32 mil viguesas e vigueses que nas eleccións galegas de 2020 votaron BNG para lles trasladar que “o cambio galego, a Galiza que vén, precisa dun potente e robusto motor Vigo para facermos de Ana Pontón a primeira presidenta da Xunta”.
“Para quen lle vale o que hai este domingo pasará sen máis. Pero as que vedes o que nós vemos, as que sentides coma nós que Vigo merece máis, moito máis, este 28 de maio podedes facer historia, abrindo un tempo novo na nosa cidade, dándolles unha sorpresa que non esquecerán xamais. Enchendo as urnas de votos polo futuro, por Vigo, por Galiza. De votos ao Bloque Nacionalista Galego!”, remachou Igrexas.