Redacción •  Galicia •  18/06/2023

CCOO e CIG convocan folga o 23 de xuño no sector do comercio de alimentación da provincia de Lugo

  • Os sindicatos CCOO-Servizos e CIG-Servizos convocan por vez primeira folga no sector do comercio de alimentación da provincia de Lugo. Será o venres, 23 de xuño. Case unha semana antes, o domingo 18, haberá unha manifestación que partirá ás 12:00 do supermercado Froiz de Montero Ríos e rematará diante da Confederación de Empresarios de Lugo, na praza de Santo Domingo.
CCOO e CIG convocan folga o 23 de xuño no sector do comercio de alimentación da provincia de Lugo

O detonante é o «escurantismo e desprezo» con que a patronal e a UGT pactaron un preacordo que nin sequera se lles presentou ás demais organizacións, «impedíndonos valoralo e presentarmos as nosas propostas», denuncian.

Para CCOO e CIG, este «suposto preacordo» segue «condenando» os traballadores e traballadoras do sector na provincia de Lugo «á desigualdade e á precariedade laboral». Ademais, vai contra o espírito do defendido nas asembleas, «contraria a regalarlles ás empresas o noso pan», critican.

A parte empresarial foi a que lles comunicou nun escrito a CCOO e CIG os termos da proposta que a UGT lle trasladara á patronal, que aceptou, para que «nos indiquedes a posición de cada central sindical o máis axiña posible en relación a se sería ou non asinante do convenio».

Comisións Obreiras, tras as asembleas realizadas co persoal, supedita o asinamento do convenio á consecución do seguintes puntos: mellora salarial, achegando os salarios ao convenio da provincia da Coruña e con revisión anual conforme ao ipc; pagamento do 100 % do salario en casos de incapacidade temporal; redución da xornada anual, con sábados libres; eliminación do grupo IV do convenio, con salarios preto do smi.


folga /