Redacción •  Galicia •  05/07/2023

Protesta por mor do xuízo no TSXG sobre discriminación no Consorcio IeB

  • Este vindeiro xoves 6 ás 10h terá lugar no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en A Coruña o xuízo correspondente ao conflito formulado por CNT por discriminación por razón de sexo no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
  • Por volta das 9:30h, antes do xuízo, realizaremos unha concentración de protesta ás portas do xulgado. A continuación da protesta, entraremos para asistir como público ao xuízo.
Protesta por mor do xuízo no TSXG sobre discriminación no Consorcio IeB

Este conflito susténtase na especial problemática de discriminación indirecta por razón de sexo que sesga a situación de temporalidade do servizo, pois afecta a unha porcentaxe superior ao 90% de mulleres, o que supón unha porcentaxe moi superior á temporalidade na Xunta de Galicia, que se sitúa nun 70% de mulleres e un 30% de homes.

A práctica discriminatoria que denuncia a CNT tería sido levada a cabo polo Consorcio aplicando criterios arbitrarios e aparentemente neutrais que xerarían un efecto adverso sobre as mulleres. En concreto, desde a central anarcosindicalista deféndese que a convocatoria a través de contratación temporal no ano 2007 de toda a estrutura do Consorcio (excepto casualmente as prazas de dirección, para as que se ofrecían contratos fixos) “supuxo un agravio para as mulleres, que son o 90% do persoal, xa que accederon a un emprego precario, as súas condicións de traballo son temporais en lugar de ser estables, afecta á súa protección fronte ao despedimento e poden ser cesadas pola cobertura das prazas as que accederon por concurso-oposición por persoas que só teñen que acreditar méritos, dos que o 70% corresponde a antigüidade (sendo que o CGSIB dótase de persoal en 2007)”.

Desde a CNT recálcase o especial abandono que están sufrindo as mulleres do Consorcio e recórdase que aínda que se enviou unha petición ás vicepresidentas da Comisión para a Igualdade do Parlamento de Galicia para tratar este asunto, Olalla Rodil Fernández (BNG), e Susana Díaz Varela (PSOE), estas nin sequera se dignaron contestar. 

ÚNETE! LOITA! DEFÉNDETE! Xuntas somos máis fortes!!


CNT Galicia /