Redacción •  Galicia •  24/06/2017

Esquerda Unida critica a decisión da Xunta de pechar o 20 por cento de camas en verán, o que está a provocar colapsos en Urxencias

Esquerda Unida denuncia, de novo este verán, a xa típica decisión da Consellería de Sanidade de pechar camas e quirófanos no período estival, unha medida que só achega importantes problemas, tales como o ascenso nas listaxes de espera nos hospitais galegos.

Esquerda Unida critica a decisión da Xunta de pechar o 20 por cento de camas en verán, o que está a provocar colapsos en Urxencias

Para Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta da Mesa do Parlamento “este peche, que afectará ata o 20 por cento das camas dispoñibles no SERGAS, é outro exemplo do desmantelamento da nosa sanidade pública posto en práctica polo goberno do PP”. Solla incide en que “este tipo de medida non pode chegar a ser crónica, xa que o que hai que facer en verán, e máis neste tempo tan cálido, é todo o contrario: habilitar todas as camas dispoñibles e poñer en funcionamento todos servizos dos centros, así como os quirófanos”.

“É terrible que cada ano nos neguen moita información en relación a este peche de camas, como cantas camas van pechar exactamente, onde e con que criterios, pero tamén canto persoal é substituído cando está de vacacións”, expón Solla. Onte mesmo, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de colapso do servizo de urxencias entre as 15 e as 19 horas deste xoves.

Solla sinala que este é “un exemplo máis dunhas políticas de recortes que acaban por destruír a sanidade pública, universal e gratuíta, o que semella que segue a ser un dos obxectivos prioritarios do Goberno de Feijóo para beneficiar á sanidade privada”, que levan anos a vivir o seu agosto. Os orzamentos da Xunta para 2017 continúan na senda de agravar as desigualdades, xa que dende 2009 reduciuse un 18% no capítulo de políticas sociais e un 14% o de Sanidade”, lembra a vicepresidenta da Mesa do Parlamento.

Dende Esquerda Unida manifestamos que o peche de servizos sanitarios en verán carece de lóxica, xa que ademais de xerar un incremento nas listas de espera provoca tamén un incremento das listas do paro nas traballadoras e traballadores sanitarios.

É por iso que dende Esquerda Unida reiteramos o noso compromiso porque este servizo público e universal sexa prestado á cidadanía coas coberturas que demandan, que se cubran as vacacións con persoal eventual e que non se pechen servizos sanitarios e, moito menos, mentres existan listas de espera.


Esquerda Unida /