Redacción •  Galicia •  20/08/2023

O BNG reclama ao Goberno do PP que rectifique e faga máis asumibles as axudas para a investigación predoutoral

  • Mercedes Queixas advirte que a política da Xunta supón para a mocidade que quere investigar unha condena a abandonar a súa carreira ou a emigrar.
O BNG reclama ao Goberno do PP que rectifique e faga máis asumibles as axudas para a investigación predoutoral

As deputadas do BNG Mercedes Queixas e Cristina Fernández apoiaron hoxe a mobilización convocada pola asociación Investigal para reclamar ao Goberno do PP cambios nas condicións dos contratos predoutorais, modificacións que o Bloque xa ten solicitado na Cámara por considerar que os criterios anunciados pola Xunta supoñen unha traba no desenvolvemento da investigación do País ao deixar fóra a unha parte dos candidatos ás axudas convocadas.

O BNG esixe así á Xunta unha rectificación inmediata nas bases da convocatoria, publicada este mesmo venres no DOG, para facilitar o acceso da mocidade investigadora ás axudas de apoio á etapa predoutoral. Entre outras cuestións, reclama que se modifique o requisito de que as persoas aspirantes a ditas axudas teñan que estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento do Sistema Universitario Galego para o curso 2022-23, pois, de feito, isto suporá a exclusión daqueles que decidiran non inscribirse por falta de financiamento ou a obriga de traballar gratis durante un ano para poder despois acceder ás axudas.

“O Goberno do PP segue sen apostar pola auténtica dignificación da carreira investigadora e segue a optar por que a mocidade que quere emprender en investigación ou ben abandone este camiño ou siga condenado a emigrar”, advertiu a deputada Mercedes Queixas, para quen “se está a deixar na incerteza a mozos e mozas que queren avanzar nunha carreira investigadora en Galiza e que, nalgún caso, terán que agardar un ano máis para saber se van poder recibir axudas para continuar co seu traballo”.

A deputada do BNG criticou ademais a demora, de máis de seis meses, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades á hora de publicar a convocatoria, o que aumentou aínda máis a incerteza para os mozos e mozas que afrontan os seus primeiros anos de investigación.

O Bloque, de acordo coas demandas de Investigal, critica así mesmo os cambios introducidos na convocatoria -que ademais das tres universidades abrangue aos organismo públicos de investigación de Galicia e outras entidades do Sistema Galego de I+D+i- no que se refire á nota media dos aspirantes, agora máis alta.

“Non hai un proxecto de apoio e reforzo á carreira investigadora, máis ben todo o contrario”, conclúe Queixas, que anunciou que o BNG seguirá insistindo no Parlamento con iniciativas na procura dunha “atención de calidade para os nosos investigadores e investigadoras, porque temos moi claro que sen investigación e ciencia non hai futuro”.


educación /