Redacción •  Galicia •  19/07/2016

Rajoy e o PP desprezan as vítimas de Angrois e premian aos responsábeis da investigación sobre o accidente censurada pola Unión Europea

O viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez esixe a dimisión de ana Pastor e Rafael Catalá e o nomeamento de políticos “comprometidos coa xustiza”.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia, a través do seu portavoz Antón Sánchez, o “absoluto desprezo” con que o Partido Popular trata as vítimas do accidente de tren de Angrois, en Santiago de Compostela. “A elección de Ana Pastor como presidenta do Congreso dos Deputados é a mostra do desprezo do PP ás vítimas de Angrois, ao informe da Axencia Ferroviaria Europea e ao funcionamento democrático das institucións”, considera Sánchez.
 
“Ascenden aos dous responsábeis políticos de empregar as institucións públicas para ocultar o acontecido e evitar a depuracións das responsabilidades sobre un accidente en que morreron 81 persoas”, engade, en referencia a Pastor e a Rafael Catalá, secretario de Estado de Infraestruturas e agora ministro en funcións de Fomento. Catalá é así “premiado” malia ser un dos máximos responsábeis da fraudulenta comisión de investigación sobre Angrois duramente censurada polas autoridades comunitarias.
 
Para Sánchez, un Goberno realmente democrático “asumiría responsabilidades políticas” e cesaría a quen tutelaron a comisión fraudulenta criticada pola Axencia Ferroviaria Europea, decidiron a súa composición e funcionamento. Pola contra, “Rajoy actúa con selección negativa e ascende aos máximos xefes políticos”. “É indignante o descaro do Partido Popular e de que maneira desoe a unha sociedade que esixe coñecer a verdade para facer xustiza”, asegura, antes de esixir “a dimisión de Ana Pastor e Rafael Catalá e o nomeamento de políticos comprometidos coa transparencia e a xustiza no referido a Angrois”.


AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Partido Popular /  PP /