Redacción •  Galicia •  03/10/2023

BNG levará ao debate do estado da Nación unha proposta en materia de ciencia para a Galiza da próxima década

  • Pontón: “O I+D+i é estratéxico e prioritario para un futuro goberno liderado polo BNG que propicie que Galiza que dea un gran salto adiante”.
  • Marca como indispensable situar a Galiza a nivel europeo en investimento e a posta en marcha do INNOGAL – Fundación Galega para a Ciencia.
BNG levará ao debate do estado da Nación unha proposta en materia de ciencia para a Galiza da próxima década

02/OUT./23.

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para poñer en valor a importancia da investigación e da innovación para o presente o o futuro de Galiza. Estivo acompañada por Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC; Carlos A. Salgado, director do IGFAE; Abraham Gallas, director científico asociado do IGFAE; e polos deputados do BNG no Parlamento galego Luís Bará e Cristina Fernández.

“Unha das máximas prioridades dun futuro goberno do BNG é impulsar o desenvolvemento social, económico e humano do noso país situando a ciencia e a investigación como un sector produtivo estratéxico” declarou Pontón.

A líder do Bloque afirmou ter claro que “a próxima década ten que ser a década da ciencia e a innovación”. Despois de varias lexislaturas visitando centros científicos e facendo un traballo de escoita co persoal investigador, no BNG consideran indispensable que a ciencia sexa un dos principais piares de desenvolvemento do País.

Visita IGFAE

“Sabemos que temos investigadores e investigadoras de primeiro nivel; temos centros que, maila os poucos recursos cos que contan, están amosando un gran rendemento; pero tamén sabemos que para dar ese gran salto adiante no ámbito científico temos que deseñar a próxima década e os grandes obxectivos e recursos que imos destinar neste ámbito” subliñou a portavoz nacional.

Pontón explicou a intención do BNG de converter a I+D+i nunha gran panca para modernizar e desenvolver a economía galega. “A ciencia é un factor estratéxico para desenvolver toda a nosa capacidade produtiva, crear emprego de calidade e construír unha economía sólida e competitiva, asentada tanto nos sectores produtivos tradicionais como emerxentes”, engadiu. Por iso, o BNG promoverá desde o goberno da Xunta a década da ciencia 2024-2034 co obxectivo de reverter o atraso en innovación e facer que Galiza dea o maior salto adiante da súa historia.

A ciencia no debate do estado da Nación

A nacionalista aproveitou a ocasión para anunciar as grandes iniciativas neste ámbito que o BNG levará ao próximo debate do estado da Nación.

A primeira delas fundaméntase na garantía dun investimento estable e suficiente que sitúe, progresivamente, a Galiza nos niveis de investimento europeo. “Propomos garantir nos próximos orzamentos da Xunta os fondos necesarios para alcanzar no prazo máximo de cinco anos o obxectivo europeo do 2% do PIB en materia de ciencia e investigación” indicou.

Pontón salientou o esforzo feito nos últimos anos pola comunidade da I+D+i galega,  tendo todo en contra as máis das veces, urxindo a necesidade de “contar con novas ferramentas que lle permitan aos nosos científicos e científicas avanzar e situarse a carón dos mellores”.

“Engadido a isto”, indicou, “é indispensable a creación do INNOGAL – Fundación galega para a ciencia”. A líder do Bloque lembrou que “esta é unha proposta inspirada en modelos de éxito como o IKERBASQUE (Euskadi) e ICREA (Catalunya)” e explicou que “co INNOGAL, o BNG quere situar o capital humano no centro, promovendo as condicións laborais para reter o persoal investigador, captar talento de excelencia e lograr o retorno de talento emigrado”. O BNG sitúa a creación do INNOGAL como unha proposta “central”. “Non é a primeira vez que levamos esta iniciativa, o País neste momento necesita altura de miras e con ela queremos que se pense na década do futuro, que se aposte por un pacto galego pola ciencia”, subliñou Pontón.

A líder do Bloque cualificou esta iniciativa como “unha proposta de País que ten que estar á marxe de intereses partidistas”, engadindo que “o futuro de Galiza pasa pola ciencia e a innovación” e destacando algúns indicadores que actualmente son “preocupantes”.

Galiza sitúase na actualidade por debaixo da media estatal e da media europea nos recursos que inviste en I+D+i: dedícalle o 1,1% do PIB cando a media do Estado é do 1,4% e a europea supera o 2%. Pontón puxo tamén o foco sobre o problema de emigración de persoas tituladas e formadas no nosos País. “Emigran unas 6.000 que poderían estar tendo un rendemento para o propio País. Isto tradúcese en que perdemos entre 180 e 231 millóns de euros ao ano con ese talento que formamos nas nosas universidades e despois desenvolven a súa carreira noutras partes do mundo”, lamentou a portavoz nacional.

A isto súmaselle que hai indicadores que apuntan a que Galiza está perdendo posicións no ámbito da competitividade dentro do sector científico. “Este e un reto ao que hai que dar resposta”, declarou.

“Precisamos abrir unha nova era en materia de I+D+I: dotando á comunidade científica dos recursos humanos e económicos e dos instrumentos de xestión necesarios para convertela na grande panca de modernización, de transformación e de desenvolvemento da Galiza da próxima década”, concluíu.


BNG /