Redacción •  Actualidad •  09/07/2017

A coordinadora nacional de Esquerda Unida aproba o plan de traballo a seguir ata o vindeiro ano

Esquerda Unida reuniu esta mañá en Compostela a súa coordinadora nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, co fin de deixar pautadas as liñas básicas de traballo e ruta a seguir ata o vindeiro ano.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida aproba o plan de traballo a seguir ata o vindeiro ano

Esquerda Unida reuniu esta mañá en Compostela a súa coordinadora nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, co fin de deixar pautadas as liñas básicas de traballo e ruta a seguir ata o vindeiro ano. Ao comezo do acto, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, presentou un informe político que analiza a actualidade dos problemas máis relevantes do país e recolle as inmediatas tarefas da organización.

Ademais do informe político, a coordinadora aprobou cinco plans de traballo (Plan de Acción Política, Plan de Formación, Plan de Estratexia no Conflito, Plan de Finanzas e Plan de Comunicación) co que se planifica e organiza o traballo de Esquerda Unida. En relación á confluencia, Esquerda Unida aproba unha resolución na que se reafirma a estratexia de participar e impulsar os procesos de acumulación de forzas dende a esquerda, onde a participación e o diálogo sexa unha realidade para todas aquelas persoas e colectivos que comparten un obxectivo común: mudar as políticas neoliberais a prol da maioría social.

«Esquerda Unida reafirma a estratexia de impulsar e participar nos procesos de acumulación de forzas dende a esquerda, onde a participación sexa unha realidade para todas aquelas persoas e colectivos que compartimos un obxectivo común: mudar as políticas neoliberais en prol dunha maioría social abafada e explotada polas mesmas.

Conscientes da necesidade de acumulación de forzas, debemos dar un paso máis alá de cara á súa recuperación e ao seu fortalecemento, para elo consideramos prioritario o traballo nos espazos colectivos creados para facer fronte á oligarquía para o que é preciso conxugar a participación cidadá e a aportación colectiva de activistas e organizacións, só así seremos capaces de transformar o sistema e construír unha nova proposta política e económica.

A participación é o piar fundamental da transformación, as fórmulas de radicalidade democrática han de ser as que doten aos espazos de traballo, pola contra, non será posible o cambio sen pluralidade e participación social. Dende Esquerda Unida apostamos por unha participación supeditada ao compromiso da práctica dunhas políticas de esquerdas que defendan con firmeza o sector público e os dereitos das persoas ante todo.

É imprescidible, polo tanto, poñer por diante unha proposta política baseada nos principios de esquerda, feministas e republicanos. En Marea é unha consecuencia do traballo realizado ao longo de anos, no que a xenerosidade dentro da pluralidade de diferentes actores deu en construír unha alternativa política en Galicia. Esa pluralidade e a horizontalidade deben ser o camiño que permita retomar e fornecer o espazo común de confluencia.

Esquerda Unida ten o obxectivo de gañar a loita social e política, para elo daremos os debates necesarios coa finalidade de atopar ese espazo común no que a pluralidade sexa a bandeira. Defendemos a práctica de métodos de participación inclusivos, que permitan ser espello de toda e cada unha das persoas, colectivos e organizacións que dela participan porque a visibilización da pluralidade e a base do proxecto é a diferencia, o valor engadido fronte a outros modelos xa caducos.

Atendendo a todos estes principios, co obxectivo de recuperar o camiño enriquecedor da pluralidade confluínte, Esquerda Unida tende a man ao diálogo coas diferentes organizacións coas que estratexicamente levamos tecido este espazo xeneroso».


En Marea /  Esquerda Unida /