Pontón reclama a Rueda que retire a fraude legal que afonda no espolio eólico e que coloca a Galiza aos pés das eléctricas
- Denuncia que o PP sabe que vai perder as eleccións e por iso está abrindo unha porta traseira para que o lobby eléctrico poida burlar a acción da xustiza.
- Afirma que a eólica é unha gran riqueza para Galiza, pero o Executivo do Partido Popular estalla entregando ás eléctricas a costa do País.
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta que retire a fraude legal que supón os cambios normativos que o Goberno do PP introduce pola porta de atrás na lei de acompañamento dos Orzamentos para colocar a Galiza “aos pés das eléctricas” e que executen “con total impunidade o espolio eólico” e con absoluto desprezo ao medio ambiente, ao medio rural e ás persoas que viven e traballan nel.
Logo dunha reunión coas plataformas de afectados e afectadas polas instalacións de polígonos eólicos no País, a líder do Bloque denunciou que o PP pretende aprobar os cambios no tempo de desconto do mandato, consciente de que vai perder as eleccións galegas, e por iso “está abrindo unha porta traseira para que o lobby eléctrico poida burlar a acción da xustiza” que hoxe está paralizando e suspendendo moitos dos parques porque non cumpren a lei.
“É un escándalo que en vez de facer cumprir a lei, a modifique para facerlle un traxe á medida das eléctricas e, por riba, pola porta de atrás”, remarcou para recordar a continuación que só nesta lexislatura os populares modificaron pola porta de atrás máis de 70 leis.
Ante unha modificación normativa que ten a clara intención de blindar os intereses do oligopolio enerxético ás portas das eleccións, das que se mostrou convencida que traerán un “goberno decente e liderado polo BNG”, Pontón reafirmou o seu compromiso de que “ese goberno que aspiro a presidir vaille parar os pés ás eléctricas” e defender o interese colectivo e xeral, o dos galegos e as galegas, e non os intereses particulares das enerxéticas.
A portavoz do Bloque defendeu unha transición enerxética xusta e sustentable e non a costa de vender Galiza ao lobby eléctrico, porque a eólica debía ser unha gran oportunidade para Galiza xa que “é o noso vento e a nosa riqueza, pero o que está facendo o PP é entregarlle esa riqueza ás eléctricas, roubándolla a Galiza e deixándonos só uns altísimos costes ambientais e sociais”, recalcou.
Nesta liña, advertiu que a fraudulenta modificación de lei que acomete o Executivo de Rueda favorece os intereses das grandes enerxéticas facilitando aínda máis a aprobación dos parques eólicos e asesta un golpe definitivo ao rural, expulsando á súa xente e colocándoa nunha situación de indefensión que tamén se estende aos concellos, dado que a Xunta pasa por riba deles. “Pero é que estas modificacións van traer tamén unha consecuencia que o PP non está tendo en conta: van traer consigo máis caos e máis inseguridade xurídica”, afirmou.
Por iso, defendeu a retirada da modificación legal introducida polo PP para abrir un proceso de diálogo co obxectivo de acadar un pacto de País que permita planificar a enerxía eólica, un proceso de diálogo no que o Bloque pon enriba da mesa un decálogo de medidas que pasan, en primeiro termo, por ter en conta as necesidades enerxéticas de Galiza, desenvolver un novo modelo dende o respecto ao medio rural e ao medio ambiente, con participación pública e garantindo que os beneficios quedan en Galiza e especificamente nas zonas de produción.
Pontón sumou a isto a necesidade de primar sistemas de xeración de enerxía distribuída e de proximidade; apostar por todas as tecnoloxías e por un mix enerxético fronte ao monocultivo eólico masivo; o desenvolvemento en I+D vinculado co sector e especialmente co almacenamento enerxético e o abaratamento dos prezos da electricidade como zona produtora e excedentaria.
Por último, no ámbito normativo, avogou por desenvolver un novo marco legal que lle dea a Galiza competencias exclusivas á hora de planificar a súa política enerxética e por declarar o vento ben de dominio público, aplicándolle o mesmo tratamento que ao sector hidroeléctrico, con concesións limitadas no tempo e non ilimitadas, como ten a eólica.