Redacción •  Galicia •  31/10/2023

CIG-Xustiza denuncia que o Ministerio “castiga” ao persoal eliminando o teletraballo e a Xunta “executa”

Solicitan unha reunión urxente para que se permita ao persoal seguir teletraballando mentres non se publique a normativa que o regule.

CIG-Xustiza denuncia que o Ministerio “castiga” ao persoal eliminando o teletraballo e a Xunta “executa”

A CIG-Xustiza denuncia a decisión do Ministerio de suprimir o teletraballo na administración de Xustiza. Unha decisión trasladada ao persoal por medio dunha circular que foi remitida o pasado venres, día 27 de outubro, a última hora, que “a Xunta executa”, e que atribúen ao “cabreo” do equipo ministerial, que “decide castigarnos” “pola problemática social dos últimos tempos”.

A CIG-Xustiza chama a atención sobre o feito de que no propio documento no que se traslada a comunicación se sinale que as medidas pola covid, que incluían esa modalidade de traballo a distancia, “non son de aplicación dende o 5 de xullo”. Entenden que se xa non se podía teletraballar desde aquela, logo a Administración fixo a “vista gorda” até o de agora.

Pregúntanse ademais por que se decidiu entón suprimilo da noite para a mañá e non seguen con el até que aproben a súa regulamentación. A este respecto lembran que hai só uns días, na Conferencia sectorial, “comentouse que se ía manter o teletraballo”. Por iso non entenden que non se regulara aínda esta modalidade para o persoal da administración de Xustiza, cando a Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas xa o teñen regulado para o seu persoal.

“Ao parecer á Dirección Xeral esta decisión pillounos a velas vir e limitáronse a copiar, pegar e traducir a circular do Ministerio”, sinalan e inciden en que outras comunidades, como a de Valencia, que si tiña unha instrución sobre o traballo non presencial, continúan con el. Lamentan que, porén, Galiza tampouco teña unha instrución propia ao respecto.

Solicitude de reunión urxente co Ministerio e a Dirección Xeral

Neste sentido consideran que a Xunta de Galiza” ben puido dicir que se nos aplicara a resolución autonómica, pero optou por executar as directrices ministeriais”. Ante esta situación, informan de que a CIG vén de solicitar unha reunión urxente tanto co Ministerio como coa Dirección Xeral para abordar este importante asunto, así como que se diten unhas instrucións que posibiliten provisionalmente ás traballadoras e traballadores que viñan teletraballando a seguilo facendo mentres non se publique a normativa que o regule.


CIG /