Esquerda Unida urxe a conformación dunha fronte que sitúe ao Partido Popular lonxe da Xunta de Galicia
Ás portas da convocatoria dunhas eleccións autonómicas nas que as galegas e galegos nos xogamos o futuro dun país asolagado pola destrución sistemática do sector público, a industria e os sectores primarios, Esquerda Unida fai un chamamento urxente á conformación dunha coalición de esquerda capaz de situar ao Partido Popular lonxe da Xunta de Galicia.
Compostela, 23 de novembro de 2023. A Executiva Nacional de Esquerda Unida defende a necesidade de chegar a un acordo político que represente ás forzas de esquerda e ás súas militancias. En palabras da coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla: “ É necesario formalizar o antes posible unha coalición electoral que traballe para dar resposta aos principais problemas de Galicia, na que as mulleres e homes de Esquerda Unida, Podemos e Movemento SUMAR poidan dar voz á clase traballadora, as persoas que nos demandan unha proposta de futuro para a nosa terra.”
Esquerda Unida saúda a constitución do partido Movemento SUMAR e apela á responsabilidade para construír entre as forzas que deron luz a coalición das pasadas eleccións Xerais un acordo que permita dar resposta de xeito conxunto á necesidade de avanzar en dereitos sociais, defensa do medio natural e creación de emprego que precisa Galicia.