A precariedade e a inestabilidade na contratación en Galiza impiden garantir unha vida digna
A CIG denuncia que a pobreza laboral cébase especialmente coas mulleres, con máis contratos parciais
Os datos de paro rexistrado confirman, para o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, o que a central sindical vén advertindo desde que se aprobou a nova reforma laboral, que “a actual lexislación laboral está baseada nun modelo de precariedade e inestabilidade na contratación, por máis que o goberno se gabe dicindo que hai máis contratación indefinida”.
Para demostralo, González Sío, apunta que os contratos fixos descontinuos están a se converter no contrato habitual na contratación indefinida; que o número de persoas que teñen contratos a tempo parcial, fundamentalmente mulleres, é cada vez maior, o que implica que “non teñen un salario completo e que, polo tanto, nesta situación de carestía da vida o seu empobrecemento é maior, malia ter contrato indefinido”.
Xunto a isto, o secretario confederal de Emprego, sinala o número de persoas traballadoras con contratos indefinidos que son despedidas por non cumprir o período de proba “xa que se está empregando esta modalidade para, ante a obriga de facer contratación indefinida, despedir ás persoas, neste caso en peores condicións que cando eran eventuais xa que non teñen dereito a indemnización”.
Polo tanto, para a CIG, estas tres cuestións definen o modelo de mercado laboral de forma clara. Cuestións ás que González Sío engade que son as mulleres quen “ademais de ser as que máis sofren a parcialidade son tamén as que padecen, en maior medida o paro, xa que representan o 70% das persoas desempregadas”.
Outro aspecto que define a precariedade do mercado laboral é que é no sector Servizos onde máis concentrado se atopa o paro rexistrado, con máis do 70% do total das persoas desempregadas nese sector.
Parcialidade, precariedade e temporalidade
Así as cousas, González Sío retrata o mercado laboral en Galiza como “moi feble, con parcialidade, moi baseado no sector Servizos, que afecta na precariedade e no paro, fundamentalmente, ás mulleres e no que os sectores con mellores salarios teñen cada vez menos forza.”
Xunto a isto lembra os problemas que hai na contratación, xa que máis do 83% dos contratos son do sector Servizos onde a meirande parte deles, aínda que coa reforma laboral é obrigado facer contratos indefinidos, seguen sendo contratos temporais. A isto engade que “o contrato por circunstancias da produción séguese dando nun número moi elevado da contratación”.
Descenso na afiliación á Seguridade Social
O secretario confederal de Emprego apunta, canda isto, o importante descenso -en 4.287- das afiliacións á Seguridade Social, sobre todo, en termos absolutos, na provincia de Pontevedra e, en termos porcentuais, na provincia de Lugo.
Polo tanto, de cara a fin de ano, malia en teoría estas datas ser boas para a contratación nos sectores máis precarios, González Sío pon o acento no tipo de emprego que se crea e en que as e os traballadores, “malia ter un emprego, este non lles garante poder cubrir as súas necesidades esenciais para ter unha vida digna”. Por iso reitera a exixencia da CIG de que se derroguen as reformas e que se garanta “ter un emprego e un salario digno en Galiza”.