A plataforma contra os vertidos de San Finx reclama en Muros a revogación da autorización da mina
- A empresa mineira está obrigada a pagar 30 millóns de euros anuais como canon de control de vertidos, pero a Xunta aínda non reclamou esta cantidade.
- Desde as cofradías e colectivos ecoloxistas reclaman o inmediato selado da mina para poñer fin á contaminación con metais pesados.
A Plataforma comarcal contra os vertidos da mina de San Finx reclamou esta fin de semana en Muros que Augas de Galicia revogue sen máis dilación a autorización para verter case mil millóns de litros anuais concedida o pasado mes de febreiro. Nun acto presidido pola Alcaldesa de Muros, María Lago, e organizado pola Asociación Cuadrilla de Pepa a Loba, tanto Rogelio Santos como Joám Evans esixiron á Xunta que poña fin aos vertidos ilegais obrigando á empresa a selar a explotación mineira.
Ao debate celebrado o sábado estaban convidados representantes de Augas de Galicia, da Cámara Oficial Mineira de Galicia e da propia empresa mineira, pero ningún quixo comparecer no debate moderado por Domingo Guerra e no que finalmente interviu a psicóloga muradá María Dosil, o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga en representación de PLADEMAR e Joám Evans en representación de Ecoloxistas en Acción.
Se ben Augas de Galicia anunciou que iniciaría o procedemento de revogación logo da insistencia das organizacións sociais, desde a plataforma contra os vertidos alertan que “se está perdoando á empresa mineira o pago do canon de control de vertidos, que ascende a máis de 30 millóns de euros por ano”. Por iso, reclaman que se obrigue á empresa a pagar o que debe antes de que os seus propietarios e administradores se dean á fuga. Lembran que a matriz empresarial apenas ten un capital social de 3.000 euros.
Medidas cautelares
Desde os distintos colectivos que forman a plataforma esixiuse a Augas de Galicia que impoña á empresa mineira a medida cautelar de impedir que a auga das galerías continúe saído ao exterior. Para iso, remitíronlle ao organismo dependente da Xunta estudos técnicos que evidencian as mellores técnicas dispoñibles para impedir que os vertidos continúen producíndose, como a instalación de comportas e o selado de pozos e chemineas.
Advirten que no caso de permitir que a situación de contaminación continúe no tempo, emprenderán novas accións xudiciais contra os funcionarios e autoridades responsables. Cofradías e organizacións ecoloxistas xa presentaron denuncias penais tanto contra a empresa mineira como contra os altos cargos da Xunta por presuntos delitos contra o ambiente e de prevaricación, estando aberto varios procesos nos xulgados de Noia e de Santiago.