Redacción •  Galicia •  21/12/2023

Néstor Rego lembra a Sánchez os compromisos coa Galiza e reclama avanzar en investimentos e autogoberno

O deputado do BNG sinala a Sánchez, agora que o Goberno vai entrar con máis de 2000 millóns de euros en Telefónica, que para garantir futuro de Alcoa San Cibrao, só eran precisos 200 millóns “que terían evitado a incerteza agónica actual. Aínda se pode e debe facer”.

Rego pediu a retirada do Estado español da operación militar no Mar Vermello, liderada por EUA, embargo de armas a Israel  e que rectifique a denegación do permiso de residencia a Aminatou Haidar.

Néstor Rego lembra a Sánchez os compromisos coa Galiza e reclama avanzar en investimentos e autogoberno

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, interveu no pleno de comparecencia de Pedro Sánchez para lle lembrar os compromisos adquiridos polo Goberno coa Galiza en materia de investimentos e infraestruturas,  políticas sociais, traspaso de competencias e autogoberno. A propósito da decisión de meter 2000 M€ en Telefónica, Rego lembrou que con só 200 teríase garantido o futuro de Alcoa na Mariña.

O BNG marca a axenda galega ao Presidente: tren de proximidade, prórroga dos abonos gratuítos, fin dos atrasos e incidentes nos servizos, e traspaso de competencias.

Rego deixou claro ao Presidente do Goberno que para o BNG é unha prioridade que se cumpra o Acordo de investidura para a Galiza: ·”o BNG estará moi atento e será exixente co cumprimento do Acordo asinado porque o seu cumprimento suporá a mellora da calidade de vida dos galegos e das galegas”. Ao tempo, lanzou unha mensaxe sobre a tramitación de Orzamentos do Estado para que atendan cuestións fundamentais para o noso País.

Destacou a cuestión ferroviaria, recalcando que é chave a modernización das infraestruturas ferroviarias e a implantación do tren de proximidade”, mais tamén reclamou a Sánchez maior preocupación para terminar cos problemas no funcionamento adecuado dos servizos de tren: demoras, incidencias, suspensións, falta de persoal, e aproveitou a sesión para instar o Presidente a prorrogar en 2024 os abonos “tal e como está recollido no Acordo co BNG”.

Lembrou a Sánchez a necesidade de convocar a Comisión Mixta de  Transferencias entre o Goberno e a Xunta antes de rematar o ano. “Fica pouco tempo, por tanto, este paso é preciso dalo con urxencia con independencia de que saibamos que en fronte temos un PP que non ten interese en avanzar no autogoberno”. Situou esta demanda recollida tamén no Acordo co BNG, como un elemento “para facer posíbel unha mudanza política na Galiza”. Asegurou que un Goberno liderado polo BNG impulsará a asunción de todas as transferencias de competencias pendentes, entre elas a da AP-9. Queremos o seu compromiso para facelo posíbel.

Rego afeou a Sánchez non ter intervido Alcoa, que actúa nun sector estratéxico,  para garantir o seu futuro, en canto se meten 2000 M€ en Telefónica

Rego tamén se pronunciou sobre a entrada da SEPI no accionarado de Telefónica para o que irá dispor de máis de 2000M e será o seu principal accionista. “Con apenas 10% desa cantidade, 200 millóns, teríase podido garantir a viabilidade de Alcoa San Cibrao, como reiteradamente reclamou esta Congreso por iniciativa do BNG”, subliñando que con iso se tería dado garantía de futuro á comarca da Mariña “frente á incerteza agónica actual”. Emprazou a Sánchez a consideralo: “aínda se pode e debe facer”.

Parar o xenocidio en Palestina. “Retírense da operación militar no Mar Vermello”. Aminatou Haidar:”Rectifiquen unha decisión deshumana”.

Rego foi moi crítico coa política internacional do Goberno español e sinalou a Sánchez que “non partillamos o seu entusiasmo europeísta acrítico”. “Sabe que mantemos diferenzas moi importantes”. Cualificou a UE de “submisa aos intereses norteamericanos” e censurou a súa política belicista, “rexeitamos o apoio da UE a Israel, e a complicidade co masacre, un auténtico xenocidio que a entidade sionista está a cometer en Gaza”, con 10.000 crianzas asasinadas. Pedímoslle unha condena firme”.  

O deputado do BNG reclamou a Sánchez traballar polo cesar fogo e un acordo de paz duradeira, cortar o comercio de armas con Israel, levar a Netanyahu ante a Corte Penal Internacional e recoñecer o Estado palestino.

Censurou a intención do Goberno español, coñecida onte,  de “participar nunha coalición militar internacional encabezada por EUA para “protexer” a navegación no Mar Vermello. Na realidade, para protexer os intereses comerciais de Israel. “É sabido que só os buques israelitas ou que van a portos israelís son atacados por Iemen”. Advertiu a Sánchez que sería “unha operación militar que nin debateu o Congreso e pode acabar implicando o Estado español nun conflito militar rexional”. “Rectifique, retírese da coalición, porque ademais sabe que a mellor maneira de restaurar a seguranza marítima no mar Vermello é parar o xenocidio en Gaza” dixo Rego a Sánchez.

Néstor Rego aludiu á decisión do Goberno de lle denegar o permiso de residencia á activista saharaui polos dereitos humanos, Aminatou Haidar após de 16 anos. “É unha decisión inxusta e deshumana. Rectifiquen”, ao tempo que reprochou o apoio de Sánchez á ocupación ilegal de Marrocos do Sáhara e as cesións continuas “á chantaxe do ditador marroquino”.


BNG /