Redacción •  Galicia •  17/01/2024

Ana Pontón comprométese a reforzar a sanidade pública no Morrazo con máis recursos económicos e máis persoal sanitario

Defende o reforzo das infraestruturas sanitarias, como un servizo de Urxencias propio ou a dotación dunha ambulancia medicalizada.

O candidato por Pontevedra, Luís Bará, avanza que os concellos da comarca terán “un aliado” nun Goberno galego liderado polo BNG.

Ana Pontón comprométese a reforzar a sanidade pública no Morrazo con máis recursos económicos e máis persoal sanitario

Santiago de Compostela, 16 xaneiro 2023.- A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeu en Cangas un Goberno galego liderado polo BNG que traballe para que O Morrazo “teña a sanidade pública que se merece, libre de recortes”, reforzando a sanidade pública na comarca con máis recursos económicos e con máis persoal sanitario.  

“Porque a veciñanza merece ter un servizo de Urxencias no seu propio concello e merece ter infraestruturas de calidade, porque ter ou non ter unha ambulancia medicalizada, por poñer un exemplo, pode marcar a diferenza entre a vida e a morte”, afirmou no acto público aberto organizado polo BNG en Cangas no que tamén participaron o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, e a alcaldesa da localidade, Araceli Gestido. 

Neste sentido, Pontón avanzou que, se obtén a confianza dos galegos e das galegas para presidir o Goberno galego, reforzará a sanidade pública en toda a comarca porque, segundo advertiu, “non é de recibo ter PACs saturados, nin pechar consultorios mentres hai listas de espera para ter cita presencial para ir ao médico ou médica de cabeceira”.

A líder nacionalista indicou que o Executivo que aspira a presidir tamén cumprirá coa comarca en materia de infraestruturas. “Hai que mellorar a comunicación por estrada, executar unha actuación integral nas estradas autonómicas que percorren todo O Morrazo -en referencia ás PO-313 e PO-551) e apostar pola seguridade e pola humanización da mobilidade por estrada”, afondou.

Na mesma liña, defendeu de igual xeito a necesidade de poñer en valor o extraordinario patrimonio que ten Cangas e o conxunto da comarca “por orgullo do noso, pero tamén porque é un activo moi importante en termos económicos, sociais e culturais”.

Pontón indicou que as claves do cambio galego nas próximas eleccións do 18F pasan por concentrar o voto do cambio no BNG “porque somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”. Diante duns comicios que cualificou como os máis importantes dos últimos tempos, a líder nacionalista apelou á mobilización desa “maioría social” que quere cambio, dado que, segundo recalcou, “hai partido” e dende o Bloque “saímos a gañalo”.

Neste sentido, indicou que o 18F só hai dúas alternativas: un goberno do PP co candidato Rueda, “o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental”, ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor, “unha Galiza en grande”, e que, segundo subliñou, “sempre lle vai dicir a verdade aos galegos e ás galegas”.

A portavoz do Bloque mostrouse moi crítica coa xestión do Executivo de Rueda na crise da marea plástica, na que o PP replicou o “nefasto protocolo do Prestige” e “fixo da mentira a súa forma de facer política”, primeiro, negando o problema; despois, tentando minimizalo; posteriormente, responsabilizando aos concellos e outras Administracións e, por último, atacando á oposición e a quen lle pedía solucións.

“Sabédelo ben neste concello, porque o vivistes en primeira persoa en areais como Nerga, Barra ou Viñó, onde actuaron en solitario o concello coa axuda dos e das voluntarias”, asegurou. “Non se pode facer peor: incompetencia, ocultación, mentiras e manipulación”, resumiu.

En todo caso, Pontón advertiu que, antes a crise dos pellets, no PP “xa estaban nerviosos” porque eran conscientes de que “hai partido e de que o BNG está en condicións de facer historia”, polo que rematou a súa intervención mostrando o seu convencemento de que “imos derrotar ao PP o 18 de febreiro porque hai una maioría social que ten fame de cambio e que ve no BNG a súa alternativa para conseguilo”.

Pola súa banda, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou que os concellos do Morrazo terán “un aliado” no Goberno do Bloque na Xunta. Así o indicou ante as alcaldesas de Cangas, Moaña e Bueu, asegurando que “non haberá trato de favor nin discriminación”, fronte á paralización de proxectos que actualmente sofre a comarca da man do PP.

Bará salientou a necesidade de impulsar o polígono industrial de Castiñeiras, a importancia de mellorar a seguridade viaria na rede de estradas autonómicas cunha actuación urxente, ou a necesidade de transformación da mobilidade na zona, gañando espazos públicos para a cidadanía seguindo o modelo BNG de recuperación e transformación de áreas urbanas como se fixo en Pontevedra ou a través do Plan Ágora co anterior goberno da Deputación de Pontevedra.

Non quixo deixar atrás o nacionalista a aposta do BNG polo monte, coa garantía de que ao chegar á Xunta, porá en marcha unha política de ordenación forestal cunha perspectiva multifuncional, coa que dixo, “hai moito marxe de mellora grazas á actividade e implicación das mancomunidades de montes que hai, por exemplo, aquí no Morrazo”.

A sanidade pública e mellora dos servizos públicos foi outro dos temas que Bará abordou na súa intervención, subliñando en concreto o centro de saúde de Hío-Aldán, un equipamento que considerou básico, e que se mantén esquecido como moitos outros necesarios para a comarca.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas Araceli Gestido indicou que a actual Xunta de Galiza do PP “non existe” para os concellos, aos que, dixo, “deixa abandonados e sos” en proxectos e necesidades que deberían contar con financiamento autonómico. Neste sentido citou os problemas da rede de saneamento de Cangas, da rede viaria das estradas autonómicas, da xestión do SAF (que para o Concello supón unha sobrecarga) ou da sanidade.


BNG /