Redacción •  Galicia •  10/02/2024

Galiza sen Gas: «Ningún partido galego aposta no seu programa electoral por camiñar cara a fin dos combustíbeis fósiles»

  • A plataforma Galiza sen Gas analiza a escasa ou nula presenza do gas fósil e os obxectivos climáticos nos programas electorais.
  • Ao igual que aconteceu antes coa central de carbón das Pontes, ningunha candidatura aposta por pechar as centrais de gas fósil.
  • PP, Sumar e Podemos apuntan á neutralidade climática en 2040, mentres que BNG e PSdeG-PSOE non a mencionan no programa.
Galiza sen Gas: «Ningún partido galego aposta no seu programa electoral por camiñar cara a fin dos combustíbeis fósiles»

A plataforma Galiza sen gas publica unha análise dos programas electorais dos principais partidos que concorren ás eleccións galegas no referente aos obxectivos climáticos e de abandono dos combustíbeis fósiles, nomedamente o gas fósil, recollidos pola entidade no seu manifesto fundacional. Previamente á elaboración dos programas electorais, a plataforma dirixiuse ás principais candidaturas solicitándolles que incorporasen eses obxectivos para un futuro sen gas fósil.

“O labor da Xunta, exercendo as súas propias competencias ou influíndo sobre outras institucións, é fundamental á hora de combatermos desde a nosa terra a emerxencia climática global, para o cal o máis prioritario é eliminarmos axiña o uso de enerxía fósil, causante dun 70% das emisións territoriais galegas de gases de efecto invernadoiro. Logo de prescindirmos do carbón, o seguinte combustíbel fósil que podemos e debemos deixar atrás é o gas fósil”, afirman dende a plataforma.

Ambición climática insuficienteEsta década é crítica para evitarmos os peores efectos da crise climática.En Galicia deberiamos atinxir unha redución das emisións de gases de invernadoiro de polo menos -65% en 2030 con respecto a 1990. Hoxe están no -34%. No entanto,ningún partido se compromete con este obxectivo, aínda que Sumar defende no seu programa electoral o -55%, meta que coincide coa asumida pola Xunta no actual mandato pero só declarativamente, pois non actualizou a Estratexia de Enerxía e Clima 2050.PP, BNG e PSdG-PSOE, non inclúen no seu programa ningún obxectivo de redución das emisións para 2030. Podemos propón -70%, mais só para o dióxido de carbono (CO2) e en 2034.

Tomando un horizonte máis distante, 2040, o compromiso é maior, pois PP, Sumar e Podemos pretenden que Galicia sexa climaticamente neutra (emisións brutas menos absorcións igual a cero). Porén, PSdG-PSOE e BNG non se refiren á neutralidade climática.

Centrais eléctricas de ciclo combinado (gas fósil) sen fin á vistaNingunha candidatura aspira a unha produción eléctrica 100% renovábel antes de 2030, algo imprescindíbel para atinxirmos un recorte das emisións de polo menos -65%. Iso implicaría pechar nos próximos anos as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa), ás que os programas electorais nin sequera fan referencia, malia seren dúas grandes fábricas de cambio climático.

Repítese o acontecido na campaña das eleccións autonómicas de xullo de 2020. Ningún dos partidos que se volven presentar agora quixo defender daquela o peche da central de carbón das Pontes antes de 20251. O mesmo acontece en 2024 a respecto do peche dos ciclos combinados antes de 2030.

Reganosa e a súa regasificadora fóra da campañaA regasificadora de Mugardos é a principal vía de entrada do gas fósil consumido en Galicia, acaparado sobre todo polas centrais de ciclo combinado e a industria. Nela descárgase gas de “fracking” dos Estados Unidos ou extraído en Siberia (Rusia). Está en mans de Reganosa, empresa participada nun 30% pola Xunta.

Exceptuando Podemos, ningún partido propón o peche antes de 2030 (ou noutro ano) da regasificadora de Reganosa. Porén, non hai excepcións na aceptación das importacións de gas de “fracking” (técnica prohibida en España) ou de países inmersos en conflitos bélicos, caso de Rusia. Para Galiza sen Gas parece que nada importan as cautelas socioambientais cando se trata de enerxía importada. Taménhai coincidencia entre as principais candidaturas en non apostar pola saída da Xunta do accionariado de Reganosa, controlada polo Grupo Tojeiro.

Sen apuro por abandonar os combustíbeis fósilesNos programas electorais non se propón ningún horizonte temporal para o abandono do petróleo e do gas fósil, do que deberiamos prescindir totalmente antes de 2035. Evidentemente,isto resta credibilidade aos compromisos climáticos, nos casos en que se formulan.

A definición dunha folla de ruta para a eliminación canto antes do uso de enerxía fósil sería “a proba do algodón” dunha estratexia climática galega en liña co obxectivo de non superar o límite dos 1,5ºC de quecemento global recollido no Acordo de París.

O hidróxeno verde: ameaza ou solución?O hidróxeno verde, producido a partir de electricidade renovábel, é necesario para desfosilizar o transporte pesado ou a obtención de calor na industria. Porén,o hidróxeno verde pode pasar de solución a problema para a nosa transición enerxética se se producir non só para o consumo interno senón tamén para a súa exportación masiva, por barco (en forma de amoníaco ou metanol) ou por tuberías, mediante a construción de hidrodutos e/ou a adaptación de gasodutos, pois iso esixiría unha sobrecapacidade de produción renovábel. O hidroduto Guitiriz-Zamora, iniciativa impulsada por Reganosa e Enagás, destinaríase á exportación de hidróxeno verde cara ao centro de Europa.

Sobre o papel do hidróxeno verde nada aparece nos programas de BNG, Sumar e Podemos. O PP confirma a súa política de facer de Galicia “un dos nós a nivel europeo” de produción e exportación. Namentres, o PSdG-PSOE incide no consumo interno e non menciona o hidroduto Guitiriz-Zamora, aínda que o ten apoiado publicamente.


elecciones gallegas /