Traballadoras e traballadores da banca reclaman un convenio digno acorde cos beneficios millonarios das entidades
Centos de persoas manifestáronse na Coruña no marco da folga sectorial convocada pola CIG en Galiza.
Miles de traballadoras e traballadores dos bancos AEB (Santander, BBVA, Sabadell, Bankinter, Deutsche Bank, etc.) manifestáronse este xoves na Coruña para reclamar a recuperación do poder adquisitivo, a redución da carga de traballo e a recuperación do emprego, e contra a presión e o acoso comercial brutal que padecen. A mobilización desenvolveuse coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación do convenio colectivo e no marco da xornada de folga convocada pola CIG, ELA, Intersindical–CSC e SEC–BBVA en Galiza, Euskadi e Catalunya.
Ao inicio da manifestación, que transcorreu baixo unha intensa choiva, Rosa Conde, responsábel do sector de banca da CIG-Banca, apuntaba que o seguimento da folga está sendo desigual, rexistrando un maior impacto nas entidades do BBVA e Sabadell. Estimou nun 60% o seguimento global, superándose esta cifra en provincias como Lugo, na que pecharon todas as oficinas de BBVA e Sabadell.
Conde lembrou que o XXV convenio colectivo de banca leva meses negociándose, pero nas últimas tres xuntanzas a patronal non fixo ningún movemento nas súas propostas. Tanto a proposta económica que fan, cuns incrementos irrisorios, como o recorte de dereitos que formulan son inasumíbeis», subliña. Máis aínda no contexto de beneficios récord e de reparto millonario de dividendos entre accionistas e consellos de dirección.
«A responsabilidade social dos bancos debe comezar cos seus traballadores e traballadoras, que nos últimos anos foron quen máis sufriron as consecuencias da crise no sector». Para a representante da CIG «este é o momento de loitar e ir á folga» para reclamar condicións laborais dignas e a recuperación dos salarios «e que a patronal AEB non trate de impoñen as súas condicións como está afeita a facer».
Demandou uns incrementos salariais que permitan recuperar o perdido na última década, que estimou no 15% con respecto ao IPC, e que garantan o mantemento da capacidade adquisitiva no futuro. O anterior convenio recollía unha suba dos salarios do 2,5% para cinco anos e agora a patronal quere seguir nesa senda de contención salarial e propón unha suba do 8% para os próximos catro anos que nin sequera cubre xa o IPC de 2023 e o que pechou en xaneiro».
Pero este aumento tampouco sería real xa que a aplicación da cláusula de compensación e absorción que recollida no convenio «na práctica supón a conxelación dos salarios de boa parte dos cadros de persoal». «Aspiramos a ter un convenio digno e non demandamos nada que non sexa xusto», aseverou Rosa Conde.
Despedimentos masivos
Lembrou que na última década o sector sufriu un proceso de centralización e concentración que provocou a destrución de milleiros de empregos a través da aplicación de ERE masivos, deixando os cadros de persoal ao mínimo e afondando na sobrecarga de traballo. Estes despedimentos colectivos foron acompañados de peches de oficinas que tamén supuxeron recortar á calidade do servizo á clientela. «onde antes había dúas oficinas con oito persoas cada unha, agora queda unha coa metade de persoal, e iso se hai sorte».
Xunto a isto, referiuse ás innumerábeis prolongacións de xornada feitas polo persoal durante a pandemia para dar resposta ás necesidades financeiras de moitas empresas e particulares «que non foron recoñecidas nin compensadas». É máis, os maiores ERE na historia do sector aplicáronse durante os anos 2020 e 2021, en plena emerxencia sanitaria.
Agora os bancos alegan que precisan dunha maior flexibilidade no convenio para cubrir as necesidades de persoal nas oficinas. «Mais en lugar de contratar persoal, o que propoñen é incrementar a mobilidade xeográfica forzosa de 25 a 50km. Incremento que ademais de dificultar a conciliación , supón unha nova merma na capacidade adquisitiva, xa que os custes de desprazamento terán que ser asumidos pola persoa traballadora».
Rachar coa presión comercial desmesurada
Demandas fundamentais para a CIG neste convenio tamén son a recuperación do emprego e o cese da brutal presión comercial que sofre o persoal. «Impóñense uns obxectivos comerciais desmesurados, inalcanzábeis, que implican unha sobrecarga de traballo e ademais as entidades encobren nos obxectivos unha serie de produtos que atentan contra a propia normativa MIFID».
Unha actuación patronal que Conde cualificou como acoso e que xera enorme presión sobre as traballadoras e traballadores xa que o cumprimento dos obxectivos forma parte fundamental da súa avaliación profesional anual «e isto condiciona a curto-medio prazo a continuidade na propia entidade».
» A postura da patronal é clara, non queren compartir co persoal os inxentes beneficios que están acumulando, e pretenden continuar na súa escalada de perda de dereitos e empeoramento do clima laboral con políticas comerciais asfixiantes», denunciouse no manifesto lido ao remate da mobilización.
Para reverter esta situación, a CIG chama a todo o sector a «loitar pola nosa dignidade como traballadoras e traballadores de banca» e a intensificar a mobilización para conseguir unhas condicións laborais e salariais dignas.