Redacción •  Galicia •  28/03/2024

O Supremo recoñece como servizos prestados os períodos de vacacións cotizadas e non gozadas do persoal do SERGAS

  • Dá así a razón á CIG-Saúde que seguirá defendendo o dereito do persoal temporal a vacacións e á puntual liquidación económica.
O Supremo recoñece como servizos prestados os períodos de vacacións cotizadas e non gozadas do persoal do SERGAS

O Tribunal Supremo vén de rexeitar o recurso de casación presentado polo Servizo Galego de Saúde contra a sentenza do TSXG que desestimaba a apelación do SERGAS e confirmaba así a sentenza do Xulgado do Contencioso administrativo número 1 de Pontevedra. Recoñécense, deste xeito, como servizos prestados, os períodos de vacacións que o SERGAS non permite desfrutar ao persoal temporal. Períodos polos que a administración está obrigada a cotizar á Seguridade Social.

O Tribunal Supremo vén dar a razón á CIG-Saúde que viña defendendo, que as vacacións xeradas por cada contrato teñen que computar como servizos prestados nas listas de contratación, nas oposicións, nos concursos de traslados, nos trienios e na Carreira Profesional.

Contratos de duración determinada

Para adoptar a súa decisión o TS parte da cláusula 4 do Acordo Marco sobre traballo de duración determinada que dispón que “non poderá tratarse aos traballadores cun contrato de duración determinada dunha maneira menos favorable que aos traballadores fixos comparables polo mero feito de ter un contrato de duración determinada, a menos que se xustifique un trato diferente por razóns obxectivas”.

Razóns obxectivas que o alto tribunal non considera “convincentes” subliñando que “a única razón dada polo SERGAS é que a iso se opoñen as normas nacionais españolas”. Normas que segundo o TS “nada din sobre posibles diferenzas substanciais relevantes entre unha relación fixa e outra temporal”.

Discriminatorio

Do mesmo xeito, canto ás alegacións do SERGAS relativas a trienios e á situación asimilada á alta na Seguridade Social o TS interpreta que o feito de que se diga que non se pode computar dúas veces un mesmo lapso temporal -como vacacións e traballo realizado- “non significa que o tempo de vacacións non deba terse en conta a efectos dos servizos prestados”.

O Supremo conclúe, pois, que “resulta discriminatorio para o persoal temporal en relación co persoal fixo que non se compute o tempo de vacacións compensadas economicamente como tempo de servizos prestados”.

Diante desta sentenza o SERGAS vén de informar que levarán este asunto á Mesa Sectorial para negociar a súa aplicación nos distintos procesos. Negociación na que a CIG-Saúde xa adianta que seguirá defendendo o dereito do persoal temporal a vacacións e á puntual liquidación económica.


Tribunal Supremo /