Seguimento do 100% nos paros en Zara Loxística contra a modificación unilateral dos calendarios laborais
Os traballadores e as traballadoras do centro loxístico de Zara en Sabón están secundando este martes paros laborais de unha hora por quenda de traballo en rexeitamento á modificación e ao empeoramento dos calendarios laborais.
Para informar do conflito, o comité ofreceu unha rolda de prensa na que denunciaron que, por primeira vez en 20 anos, Inditex incumpre co pactado en acordo, decidindo facer un peche patronal o día 1 de maio (que sempre foi laborábel neste centro de traballo) que suporá modificar os descansos semanais, o sistema de libranzas e as vacacións do persoal afectado.
«Non podemos permitir este ataque directo a un piar fundamental dos nosos dereitos, como os calendarios laborais, que nos custou moitos anos conseguir», alertou Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña e delegado en Zara Loxística. Denunciou que atrás desta modificación se atopa a paulatina derivación de carga de traballo a outras plataformas loxísticas do grupo e incluso a subcontratas nas que as condicións laborais son moi inferiores.
A perda paulatina de traballo, engadiu Pérez, ten provocado que nin sequera se estean a facer contratacións temporais, ao que hai que sumarlle a falta de investimentos no almacén loxístico de Arteixo. «Agora, a seguinte fase desta política de derivación é laminar os nosos dereitos», alertou.
Neste contexto, a empresa impuxo un peche patronal o 1 de maio que obrigará a mover os calendarios de todo o persoal afectado -arredor dunhas 700 persoas do total de 1.300 traballadores e traballadoras que ten o almacén de Sabón-, tendo que recuperarse a xornada en datas nas que incluso está pactado que non se poden meter días.
Para resolver a situación, o comité o solicitou unha mediación no AGA, que se celebrou no día de onte, pero que rematou sen avances porque Inditex se limitou a confirmar que non ía mudar a súa decisión.
A este respecto, na rolda de prensa, os representantes do comité subliñaron que esta é a primeira vez en 20 anos que Zara Loxística incumpre o pactado nun acordo regulador das condicións de traballo e faino ademais, «sen ningún tipo de fundamento e cunha clara animadversión» cara ao seu persoal.
Con esta decisión, a empresa infrinxe o pactado no artigo 20 do calendario laboral, do acordo de condicións con vixencia 2023-2025. Este artigo especifica que os calendarios laborais se entregarán antes do día 1 de decembro do ano anterior e incluirán os días de traballo e libranza, estabelecéndose así incluso os horarios de entrada e saída.
Recolle ademais que calquera modificación dos calendarios sobre o modelo pactado que se anexa no acordo, sempre que supoña un empeoramento, requirirá dun acordo entre as partes. Porén, Inditex non negociou nin buscou dito acordo.
Así as cousas, o comité acordou convocar estes primeiros paros de unha hora por cada unha das quendas de traballo (das 00 ás 01h; das 11 ás 12h; e pola tarde será das 17 ás 18h) e realizar concentracións en defensa das condicións laborais. O seguimento dos paros da noite da mañá foi do 100%, xa que incluso secundou a folga parcial aquel persoal que non directamente afectado pola decisión da empresa.
Ademais con esta xornada de loita tamén queren exixirlle a Inditex unha aposta clara pola continuidade e a mellora da plataforma loxística de Sabón, realizando os investimentos precisos e dotándoo de carga de traballo.
Neste sentido, o representante da CIG criticou que só se está facendo gasto en mantemento, mentres «os investimentos millonarios van para outras plataformas» e denunciou que os investimentos de Inditex na comarca «destínanse ás oficinas e á sede principal, pero para o tecido industrial non hai».
Na comparecencia pública xa se avanzou tamén que a estes paros seguiranlle outras mobilizacións se a empresa teima na súa política de ataque aos dereitos e de desvío da carga de traballo a outros almacéns loxísticos.