Redacción •  Galicia •  06/05/2024

BNG solicita ao Goberno resolver os importantes atrasos nas Oficinas de Estranxeiría da Galiza

Ante os numerosos atrasos na tramitación de documentos obrigatorios para as persoas migrantes, o BNG exixe ao Goberno levar todas as actuacións necesarias para resolvelo.

“Precísase dunha Administración máis áxil, eficaz e eficiente” apunta Néstor Rego.

BNG solicita ao Goberno resolver os importantes atrasos nas Oficinas de Estranxeiría da Galiza

06/MAIO/24.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado resolva os importantes atrasos que se están a producir nas Oficinas de Estranxeiría da Galiza na tramitación de documentos obrigatorios para as persoas migrantes. A frente nacionalista sinala a necesidade de contar cunha Administración más áxil e eficiente e garantir o persoal necesario e suficiente para ofrecer un servizo de calidade en tempo e forma que non poña en risco a situación de centos de persoas.

“Están a rexistrarse atascos en distintas Oficinas de Estranxeiría na Galiza desde hai meses, o que está a provocar importantes demoras ás persoas que precisan resolver trámites urxentes como a obtención, por exemplo, do NIE que lle permitiría acceder cursos de formación, emprender un negocio nos lugares do territorio galego onde se estabeleceron ou mesmo lles prexudica á hora da procura de emprego” sinala o deputado do BNG.

Estes atrasos que, segundo alerta a frente nacionalista, deixan as persoas nun limbo legal xa que “aínda que teñan permiso, o feito de non contar co NIE, por exemplo, ou non o tendo en regra, non poden facer a maioría de trámites”.

Vinculado a este problema está a tramitación para obter citar para a obtención ou renovación do NIE. Até o pasado mes de abril, as citas tramitábanse por vía telefónica mais, recentemente, o Goberno puxo en marcha un novo sistema de citación web que, con todo, non está a resolver as dificultades do anterior sistema xa que o primeiro día mesmo sufriu un colapso.

“Queremos saber a que se deben os problemas de atasco e conxestión e mesmo por que se están rexistrando atrasos de máis de catro meses. O Goberno debe tomar cartas no asunto e adoptar todas as medidas que sexan necesarias para dispoñer dunha Administración áxil, eficaz e eficiente” subliña Rego. O deputado do BNG incide en que, se existe un problema de falta de persoal, o executivo “debe garantir o persoal necesario e suficiente para ofrecer un servizo de calidade, en tempo e forma” que non poña en risco a situación de centos de persoas.

“Organizacións e asociacións que traballan con persoas migrantes para axudarlles e asesorarlles cos seus trámites advertiron que este tipo de problemas administrativos teñen consecuencias graves para as persoas que necesitan regularizar as súas situacións. Calculan que unha porcentaxe significativa teñen risco de exclusión se non poden contar cos papeis nun tempo adecuado” alerta Néstor Rego.


BNG /