Redacción •  Galicia •  11/05/2024

A CIG critica o acordo para a reforma da protección por desemprego por non garantir unhas prestacións xustas

  • Rexeita que o Goberno español continúe negociando no diálogo social medidas que se deberan abordar nos órganos de representación institucional
A CIG critica o acordo para a reforma da protección por desemprego por non garantir unhas prestacións xustas

A falta de coñecer os termos concretos do acordo sobre a reforma da protección por desemprego, a CIG entende que os cambios pactados son insuficientes para garantir unhas prestacións dignas. A central nacionalista critica, ademais, que o Goberno español continúe recorrendo ao diálogo social para aprobar reformas de calado, na vez de dar un debate aberto e plural nos órganos de representación institucional, máxime tendo en conta que existen organismos específicos ligados ao SEPE e ás políticas de emprego.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, estamos ante un novo capítulo do plan de axuste e recortes para cumprir coas exixencias de acceso aos fondos da UE. Un temor que a CIG xa expresou o pasado mes de decembro cando presentou as súas propostas para garantir unhas cobertura polo desemprego en condicións dignas. Considera que o Goberno español continúa pechando o ciclo de reformas iniciadas coa reforma laboral, á que despois lle seguiron reformas como a da FP, a das pensións ou a implantación dos plans de emprego de pensións a través da negociación colectiva.

Valora que co acordo anunciado no día de onte, máis que crear dereitos sociais «o que se fai é dificultar ter unhas prestacións por desemprego xustas, tanto no referido ás prestacións contributivas como aos subsidios, porque non se vai na dirección de mellorar o acceso, a duración e as contías».

Non se melloran as contías, nin se facilita o acceso

A este respecto, denuncia que non se resolve a aprobación e o estabelecemento dun importe que garanta o cobro do SMI, que de acordo co estabelecido na Carta Social Europea para este 2024 debera estar nos 1253€ (o 60% do salario medio); e non hai unha mellora nas contías das prestacións contributivas de xeito que nos primeiros 180 días de prestación se cobre o 75% da base reguladora e a partir do 181, o 65% desta mesma base.

No caso dos subsidios tampouco se mellora a súa contía de xeito que na súa duración nunca chegue a ser inferior ao SMI. E no das persoas con contrato fixo-descontinuo non se facilita o acceso a este dereito flexibilizando os requisitos previos de tempo mínimo cotizado e garantindo que a súa duración non sexa inferior a seis meses.

Para CIG cómpre aprobar unha renda de inserción social que substitúa o actual Ingreso Mínimo Vital e a propia RAI, nunha contía idéntica ao SMI; así como derrogar o Decreto Lei 3/2004 e o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) recuperando o SMI como único indicador público de referencia do nivel de renda para determinar as contías de calquera tipo de prestación ou servizo público.

A perversidade de negociar no diálogo social

O secretario xeral da CIG rexeita a perversión de sacar adiante «in extremis» este acordo con UGT e CCOO, despois do «pau» que levou o Goberno español «por intentar ditar no Congreso das e dos deputados dende o diálogo social o que debera ser unha norma importante, tendo en conta a extensión da pobreza provocada pola extensión da precariedade laboral».

Denunciou que o Goberno insista en ignorar o ámbito de representación institucional e sen respectar os dereitos de representación das centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG, para seguir negociando no diálogo social e de maneira opaca acordos que contemplan cuestións tan preocupantes como permitir simultanear o cobro do subsidio con poder traballar. «Por moita propaganda que se queira facer, esta medida parécenos moi perigosa e perversa porque o que se está conformando é unha transferencia ao público dos salarios que as empresas non queren pagar», asevera.

Propostas deste tipo, advirte, «confirman o que levamos tempo dicindo: que este Goberno confunde o que debera ser o recoñecemento e a creación de dereitos sociais con programas de beneficencia social».


desempleo /