O BNG propón que os fondos europeos que o PP quere dar a ALTRI se destinen a potenciar os sectores produtivos
- Pontón e Miranda piden o apoio para o BNG, a candidatura da cidadanía que quere que Galiza conte en Bruxelas e reclama unha Europa social.
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de listas ás europeas, Ana Miranda, destacaron no mitin de Santiso a coraxe dunha cidadanía que sae masivamente á rúa para defender o seu medio de vida, o territorio, o seu futuro e a “dignidade” de Galiza fronte un Partido Popular que pon por diante do País os intereses da multinacional ALTRI, apadriñando a colocación dunha bomba ambiental no corazón do rural.
“Queremos xerar industria, riqueza, pero para poder vivir e traballar dignamente aquí”, alegou Pontón en Santiso, un concello no que o sector agrogandeiro é clave na xeración de emprego, para manter un rural vivo, igual que no resto de municipios da comarca. Pontón tamén foi crítica co PSOE, ao que reprochou a súa equidistancia sobre a macrocelulosa que pon en risco miles de empregos no rural e no mar.
“Sabemos moi ben o que defende o PP, pero tamén é triste a equidistancia que está demostrando o PSOE que ten que aclarar de que lado está, se vai contribuír a esa macrocelulosa contaminante con fondos europeos Next Generation ou non. O que lle pedimos, tanto ao PP como ao PSOE é que atendan o clamor social, ao PP de Rueda que abandone a súa soberbia e prepotencia e escoite, e ao PSOE que non vaia de ganchete co PP e que sexa claro dicindo que ALTRI non vai recibir nin un só euro de fondos europeos”, demandou.
Pola súa parte, Miranda deixou claro que o BNG vai pelexar en Bruxelas para que os fondos europeos que o PP quere dar á multinacional portuguesa se destinen a potenciar os nosos sectores produtivos, en particular ao sector agrogandeiro, clave para revitalizar o rural e preservar o territorio, e tamén ao sector pesqueiro e marisqueiro, coa rexeneración das rías como prioridade.
“Temos un País cunha grande potencialidade pero o PP quere estragalo con proxectos propios do século XIX que non respectan o medio ambiente, que non respectan o noso sector agrario, que non respectan o noso sector marisqueiro e que en definitiva non respectan Galiza”, recalcou.
Miranda fixo referencia á presenza de Ursula Von der Leyen na romería do Partido Popular. “Se o PP pensa que traendo á presidenta da Comisión Europea nos vai calar é que non saben da fortaleza do pobo galego, non calamos diante de ninguén porque defendemos o futuro deste País e da sua xente”, alegou
Por iso Galiza precisa seguir tendo unha voz propia con máis forza que nunca a partir do 9 de xuño que defenda os intereses dos e das galegas e que, ao mesmo tempo, tamén alce a voz por todas as causas xustas, para construír unha Europa dos pobos, social e da paz”, proclamou.
Pontón rematou facendo unha apelación a participar na cita coas urnas, non deixarse levar pola estratexia de baixo perfil e de indiferencia cara as eleccións europeas que están promovendo “os mesmos poderes que queren que nada cambie, tampouco na UE, que queren manter o seu status quo, son os mesmos poderes que, sen pasar polas urnas, impoñen a través das forzas políticas que os apoian a precariedade, os recortes nos servizos públicos, -mentres aumentan o gasto militar-, e os recortes en dereitos laborais, dando prioridade ós beneficios obscenos do gran capital mentres as maiores sociais se empobrecen”.
“Coller masivamente a papeleta do BNG o 9X é unha maneira de derrotar a eses poderes que impoñen unha Europa dos mercaderes para axudar a construír unha Europa das persoas”, concluíu.