Inditex denuncia e manda desaloxar as traballadoras pechadas na súa sede
As traballadoras que permanecían pechadas dende a mañá do venres na sede de Inditex veñen de ser desaloxadas. A empresa procedeu a denuncialas e a chamar a Garda Civil, que accedeu ás instalacións por volta das 21:30 deste luns, comunicándolle que tiñan que saír do recinto ou que as botarían pola forza.
![Inditex denuncia e manda desaloxar as traballadoras pechadas na súa sede](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2024/06/2024-06-17_PecheInditex_06-351bd7ce-950x0-c-default.jpg)
Neste contexto, e á vista da reiterada negativa de Inditex a recibilas e cumprir co seu acordo, as compañeiras decidiron abandonar voluntariamente a protesta.
A este respecto, as delegadas da CIG apuntan que non renuncian a seguir pelexando polo dereito a unha negociación colectiva próxima e que a táboa reivindicativa está plenamente vixente.
Cualifican de «indignante» a insistencia recalcitrante de Inditex en non cumprir os compromisos adquiridos por escrito e critican que unha multinacional como esta, con mil millonarios beneficios, opte por denunciar as súas propias traballadoras antes que respectar o texto dos acordos.
Por iso, fan un chamamento ás compañeiras e compañeiros de todas as tendas de Inditex na provincia da Coruña a secundar a folga convocada para o 27 de xuño e demostrarlle á empresa que os seus dereitos non están en venta.
![](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2024/06/2024-06-17_PecheInditex_Desaloxo_02-1024x556.jpg)