Carrefour lúcrase co xenocidio, o colonialismo e o apartheid
Dende BDS A Coruña convocamos mañá martes 23 de xullo ás 20h unha nova acción informativa e de boicot no novo Carrefour Express de Ronda de Monte Alto na Coruña.
Actualización: Evento CANCELADO.
As razóns de boicot a esta grande empresa son sobradamente coñecidas en relación á súa complicidade co Estado xenocida de Israel, polo que cremos necesario informar á cidadanía destes vínculos e convidar a deixar de mercar nos seus establecementos seguindo a máxima da loita contra o apartheid impulsada por Sudáfrica e que o movemento BDS (Boicot, Sancións e Desinvestimentos) segue a fin de acadar a xustiza e a liberdade para o pobo palestino.
POR QUE BOICOTAR A CARREFOUR?
Carrefour é cómplice do rexime israelí de ocupación, colonialismo e apartheid contra o conxunto do pobo palestino polo seu acordo comercial coa empresa israelí Electra Consumer Products e a súa subsidiaria Yenot Bitan, presentes en asentamentos israelís ilegais. Estas empresas aparecen no listado da ONU de empresas vencelladas á ocupación israelí, incumprindo o dereito internacional. Dende o inicio da ofensiva de Israel contra Gaza na que xa asasinaron a cerca de 40.000 persoas palestinas, Carrefour fixo doazóns sistemáticas ao exército israelí de comida e productos.
Pero a relación entre Carrefour e Israel non remata no territorio palestino: en abril deste mesmo ano o fondo israelí Mdsr mercou unha carteira de 22 supermercados por un valor de 120 millóns de € no estado español; 21 deses establecementos pertencen a Carrefour. Uns movementos que parecen impulsar o bo momento actual de Carrefour, que planea ampliar negocio: só na nosa cidade abriu tres establecementos novos durante este verán.
O Tribunal Internacional de Xustiza vén de declarar a Israel culpable de apartheid contra o pobo palestino e a súa ocupación militar e anexión do territorio palestino como ilegais. Trátase dunha sentenza que avala o que levamos tempo denunciando: que Israel é un estado xenocida e colonial. Nese contexto, toda empresa que opera en territorios ilegais é absolutamente cómplice e as súas ganancias están manchadas de sangue, dor e explotación a un pobo enteiro sobre as súas terras e os seus corpos. Así que hoxe máis que nunca dicimos alto e claro:
Carrefour lúcrase co xenocidio, o colonialismo e o apartheid.
NON MERQUES EN CARREFOUR!