Redacción •  Galicia •  22/07/2024

Máis de mil alegacións contra o proxecto de minaría a ceo aberto Novo Frixo, na Limia

  • Rexistradas este luns 380 alegacións no último día do prazo de participación pública.
  • A Plataforma comarcas Limia-Verín NON AS MINAS informa dunha cifra similar de alegacións contra cada un dos dous proxectos que afectan ao concello de Oímbra, e aos concellos de Verín e Vilardevós.
Máis de mil alegacións contra o proxecto de minaría a ceo aberto Novo Frixo, na Limia

STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA e o MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA, en colaboración coa plataforma MINA NOVO FRIXO NON, conformada por veciñanza de Cualedro, Laza e Sarreaus, rexistrou este luns 380 alegacións contra os permisos de investigación ao proxecto Novo Frixo, de minaría a ceo aberto, que afecta a estes tres concellos limianos.

A plataforma MINA NOVO FRIXO indicou que terá rexistradas aproximadamente outras 700 alegacións ao proxecto durante o traballo de información á veciñanza realizado nas dúas últimas semanas na Limia.

O prazo de exposición pública nesta fase do procedemento rematou hoxe, e agora a Administración deberá atender e responder as alegacións presentadas pola veciñanza, concellos e outras entidades e colectivos ecoloxistas.

Tamén rematou o prazo para alegar contra os outros dous proxectos: Novo Cima, que afecta a Verín e Vilardevós, e Novo Arboim, que afecta a Oímbra. Desde a Plataforma comarcas Limia-Verín NON AS MINA, na que nos estamos a agrupar os diversos colectivos veciñais e ambientalistas, sinalan a cifra de 1.000 alegacións contra cada un destes proxectos. Polo que a resposta veciñal en apenas dúas semanas de campaña de información e recollida de alegacións ten sido notábel.

Xinzo de Limia, 22 de xullo de 2024.


minas /