O BNG reclámalle á Xunta do PP que rectifique e recupere o complemento autonómico do bono social térmico
- Xosé Manuel Golpe subliña que miles de familias non poden pagar a factura da luz ou o gas en Galiza nun contexto marcado polo incremento de prezos.
O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta que rectifique e repoña o complemento autonómico do bono social térmico, pois aínda son miles as familias que sofren en Galiza carencia material severa e non poden facer fronte á factura da luz ou o gas nun contexto marcado pola subida xeneralizada de prezos.
“A loita contra a pobreza enerxética non pode ser unha cuestión arbitraria, e por iso exiximos á Xunta do PP un compromiso firme e decidido nesta materia”, explica o deputado Xosé Manuel Golpe, autor das iniciativas rexistradas logo de que o Goberno autonómico decidise suprimir a parte autonómica do bono social térmico que, como o seu nome indica, ten un destino finalista para a compra de combustíbeis para quecer os fogares.
“Os prezos da enerxía, xunto coa suba do custo da vida, cun incremento anual do IPC que acada cifras próximas ao 4%, fan que moitas familias teñan serias dificultades á hora de afrontar o gasto enerxético”, advirte o deputado responsable de Enerxía do BNG no Parlamento, para quen o bono social térmico é unha “ferramenta indispensable” para axudar ás familias beneficiarias a pagar as facturas de cociña e calefacción.
Tal e como explica na iniciativa, dende os últimos días do pasado mes de xullo, as persoas beneficiarias do bono social están a as recibir cartas correspondentes ao bono térmico nas que se constata que o Goberno do Estado reduce as achegas por tipo de consumidor e que a Xunta non achega cantidade algunha en concepto de complemento autonómico. Iso, malia que o director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández Vila, asegurase recentemente en sede parlamentaria, en resposta precisamente a unha pregunta do BNG, que “o pago dos bonos, tanto o social térmico como o complemento do social eléctrico, teñen prioridade un da Consellería”, lembra Golpe.
O deputado nacionalista subliña que, segundo os datos do Ministerio de Transición Ecolóxica, entre decembro de 2022 e o mesmo mes de 2023, os beneficiarios deste bono incrementáronse en máis de nove mil, superando a cifra dos 93.600 fogares, cifra que amosa que aínda son miles de familias as que precisan desta axuda.
No mesmo sentido, destaca que os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), do 2022, apuntan que máis de 50.800 fogares galegos sofren carencia material severa, incidencia que se calcula, entre outros parámetros, tendo en conta as dificultades para manter a vivenda cunha temperatura adecuada. “A evolución deste dato é mais que preocupante”, engade Xosé Manuel Golpe, aludindo a un incremento do 14,36 % rexistrado dende 2020.
Máis cantidade e prazos máis curtos
“A loita contra a pobreza debe ser unha prioridade en calquera sociedade avanzada, un obxectivo fundamental para construír unha sociedade máis xusta e equitativa”, recalca. É por iso que reclama “accións concretas e coordinadas”. Ademais de recuperar o complemento autonómico do bono, o BNG exixe nas súas iniciativas incrementar as cantidades “para amortecer os efectos negativos da diminución dan achega estatal” e reducir os prazos de tramitación destas axudas, tendo en conta o perfil das persoas demandantes.