Masivo seguimento na primeira xornada de folga convocada nas ITV galegas
Os seguintes paros están previstos para os sábados 17, 24 e 31 de agosto.
A primeira xornada de folga nas ITV galegas, que tivo lugar este sábado, día 10 de agosto, foi secundada polo 95% das traballadoras e traballadores. O persoal cualifica de “éxito” o paro convocado para denunciar que, logo de máis de 13 xuntanzas para a negociación do convenio colectivo, non houbo ningún tipo de achegamento coa empresa concesionaria do servizo, SyC Applus, que apenas variou a súa proposta inicial, e reclamar avances.
Os traballadores e traballadoras das ITV, que son un servizo público dependente da Xunta de Galiza» lembran que xa rebaixaron as súas pretensións para tratar de achegar posturas e facilitar o proceso de negociación. Denuncian que, porén, a empresa “permanece inmóbil”.
SyC Applus ten a concesión das estacións galegas da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) desde o ano 1987 e malia terlle demandado en varias ocasións o prego de condicións, non o facilita. Por iso, entre as súas reclamacións a representación do persoal ten trasladado á Xunta de Galiza a solicitude da documentación para coñecer exactamente os termos da concesión. Demanda que tampouco atendeu a administración autonómica.
Salarios conxelados
Denuncian que teñen os salarios conxelados, cando as tarifas a pagar por usuarios e usuarias se incrementan anualmente e os beneficios da empresa, só en Galiza, ascenden aos 22 mill €. Esta compañía tamén ten a concesión das ITV noutras autonomías e ten presenza en 70 países. Por iso exixen unha mellora salarial e unhas condicións laborais dignas, fronte ás propostas insuficientes presentadas por SyC Applus.
Os principais atrancos na negociación seguen a ser cuestións referentes á xornada e aos días de libre disposición; avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave, que chegan aos 500 euros ao mes; así como igualar o plus quenda que varía según a categoria, percibindo as categorías máis baixas contías económicas inferiores.
Outras reivindicacións pasan por mellorar as licenzas e o complemento de IT por continxencias comúns do 90% dende o primeiro día, melloras nas vacacións ou mellorar as condicións do persoal desprazado nas ITV móbiles.