A CIG solidarízase coa Asociación de Trabajadores del Estado de Córdoba, na Arxentina
A central denuncia as agresións, persecucións e o acoso que está a padecer a organización sindical.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de expresar todo o seu apoio e solidariedade coa Asociación de Trabajadores del Estado de Córdoba, na Arxentina, e co seu secretario xeral, Federico Giuliani, “ante as últimas agresións, persecucións e o acoso de que están a ser vítimas os compañeiros e compañeiras desta organización sindical, que están a sufrir as consecuencias das políticas fascistas do Goberno de Milei e as medidas represivas que as acompañan”.
Dende a central nacionalista condenan, a través do seu responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera, as recentes violacións, represión, imputacións penais e acoso xudicial a que diferentes membros de ATE de Córdoba están sendo sometidos, de forma especial, o seu secretario xeral, “perseguido pola xustiza provincial e imputado en catro causas penais por accións gremiais totalmente lícitas”.
Unha política intimidación e ameazas que para a CIG non ten outro obxectivo que impoñer o medo e criminalizar as lexítimas protestas en defensa dos postos de traballo do persoal público, do dereito a unhas prestacións sociais e unha xubilación dignas e, en xeral, dos dereitos laborais e salariais dunha clase traballadora arxentina “que ve empeorar as súas condicións e furtados os seus dereitos coas políticas neoliberais e de ultradereita que está a aplicar o Goberno Milei/Macri”.
Diante disto, a central alenta e apoia todas as mobilizacións sociais que se están a desenvolver na Arxentina contra estas políticas, concentradas na Lei de Bases, coñecida como ‘Lei Ómnibus’, e esixen a inmediata liberación das persoas detidas nas protestas e o respecto polos dereitos sindicais, laborais, cívicos e democráticos. Ao tempo que ofrece aos compañeiros/as da ATE Córdoba toda a súa colaboración, “e a disposición para unirnos na defensa das súas demandas en todas as institucións e foros internacionais en que participamos”.