Redacción •  Galicia •  26/07/2016

Alternativa Galega de Esquerda propón que a Xunta asuma os salarios dos socorristas e mellore as súas condicións laborais

O deputado Juan Fajardo afirma que a falta de socorristas nas praias é “unha consecuencia máis da política de retalladas” porque moitos concellos non poden sufragalos.

Alternativa Galega de Esquerda propón que a Xunta asuma os salarios dos socorristas e mellore as súas condicións laborais

Galicia é o país con máis afogados en praias no que vai de ano. “Velaquí unha nova mostra de que a política de retalladas e austeridade do Partido Popular custan vidas”, sinalou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Juan Fajardo. Fíxoo esta mañá nunha comparecencia de prensa no Parlamento de Galicia en que reclamou da Xunta que asuma os salarios e a mellora das condicións laborais dos socorristas das praias. “Moitos concellos apenas poden asumir este gasto, e cando o fan, non pagan máis de 2000 euros brutos por dous meses de traballo”, indicou, “quen pode vivir así?”.
 
Para Fajardo, é absurdo que, por lei, calquera piscina privada de uso público deba contar obrigatoriamente con socorristas e as praias públicas non. “É un anacronismo”, considerou, que se pode solucionar cun investimento de apenas o 5,8% das políticas activas de emprego do Goberno galego –que quedan sen executar nun 48%. “Con ese investimento podería haber socorristas en todas as praias galegas, 772, de xuño a setembro”, expuxo, “e con 7,5 millóns de euros poderían cubrirse a 193 de uso habitual”. Que a Xunta de Feijóo non interveña ten a ver, unicamente, con que “cumprir os obxectivos de déficit está, para o PP, por riba das vidas das galegas e galegos”.
 
Alternativa Galega de Esquerda propón, pola conta, salarios xustos –“que é o que esixen os socorristas”- e máis tempo de traballo. “Catro meses como mínimo, aínda que o ideal sexan seis meses e así poder facer contratos fixos descontinuos”, engadiu, antes de denunciar que esta profesión, “que ten paro cero”, “non ten investimentos en políticas públicas de emprego”. “Non pode ser que os socorristas sexan traballadores precarios que cobren menos de mil euros por dous meses de traballo”.
 
Juan Fajardo anunciou que, en contacto co sector do mar, estudará a posibilidade da constitución dun “corpo mixto de vixilancia nas praias” que, “por moi pouco orzamento”, agrupe o traballo de socorristas e custodia dos bancos marisqueiros durante todo o ano. “Por un Goberno ineficaz e ineficiente non podemos ficar de brazos cruzados diante dun problema que custa vidas e que é esquecido por Feijóo e Rueda”, concluíu.


AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /