Redacción •  Galicia •  01/09/2024

BNG leva ao Parlamento a reclamación dun docente especialista en audición para o CPIP Cabo da Area de Laxe

  • O deputado Daniel Pérez pide tamén na iniciativa unha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica para educación infantil e primaria.

BNG leva ao Parlamento a reclamación dun docente especialista en audición para o CPIP Cabo da Area de Laxe

O deputado do BNG na comarca de Bergantiños, Daniel Pérez, leva ao parlamento a reclamación para o Centro Público Integrado (CPIP) Cabo da Area de Laxe dun docente especialista en Audición e Linguaxe (AL)atempo completo, e pedirá ademais unha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica para as etapas de educación infantil e primaria.

Os pais e nais do alumnado mobilízanse este sábado para reclamarlle á consellería esa praza eo BNG apoia esa manifestación, ademais de levar a cuestión ao Parlamento.

Pérez asegura que, coa publicación da Resolución definitiva de adxudicación de destinos provisionais entre o persoal de corpos docentes para o curso académico 2024/2025, “confirmouse que ao CPIP Cabo da Area de Laxe non lle foi asignado ningún docente especialista en Audición e Linguaxe”.

O deputado do BNG asegura que “unha vez máis” ponse en evidencia “a política de recortes do Partido Popular en materia educativa” ao non dotar dese especialista en audición e linguaxe, a pesar de que a día de hoxe -advirte- “hai un 20% de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que conta con diagnósticos procedentes de especialistas da sanidade pública”, apunta.

Pérez aclara que “nos cursos anteriores este centro contou con profesorado especialista en AL, compartido con outros centros e que durante o período lectivo 2023-2024 foille asignada unha vacante completa, atendendo ás moitas necesidades específicas de apoio educativo do alumnado deste centro”.

Asegura que segue sendo “necesario ese posto de especialista en AL a tempo completo” e que “mesmo se precisaría unha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica para as etapas de educación infantil e primaria para así conformar un equipo de docentes encargados de proporcionar unha atención e un ensino de calidade ao alumnado de Necesidades Especiais (NEE) do centro”, subliña.

O deputado lembra que “o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ten dereito a unha educación inclusiva e de calidade”, tal e como se recolle na Orde de 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, no que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma.

Pérez recorda que é a Xunta de Galiza, administración neste caso competente, a que ten polo a obriga dotar aos centros educativos dos medios humanos e materiais necesarios para atender ao alumnado con necesidades especiais. “Mais o Goberno galego incumpre esa obriga legal” lamenta, para advertir que son moitos os centros de ensino e as comunidades educativas que denuncian de xeito público que a Xunta está a vulnerar de xeito reiterado os dereitos das crianzas con necesidades específicas de apoio educativo”.

Pérez acusa o Partido Popular de ser o “responsable do claro retroceso da calidade educativa que se observa no noso país no sector público, cun profesorado e equipos directivos que intentan suplir con profesionalidade e compromiso as carencias inducidas por eses recortes pero que -advirte- se ven absolutamente desbordadas e sen os medios necesarios para realizar o seu traballo nunhas condicións aceptables de calidade e incluso dignidade”.

Afirma que “esta política de recortes afecta a todas, mais especialmente supoñen unha evidente desatención á diversidade”.

O deputado nacionalista recorda como o ano pasado aconteceu o mesmo no comezo do na Laracha, en Carballo ou en Muxía e que “agora se repite a historia nas nosas comarcas”.


educación /